O pasado 16 de abril entregamos alegacións á solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA), a declaración de utilidade pública e o proxecto para a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas, promovido por Greenfiber, S.L. (ALtri+Greenalia) e declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 29 de decembro de 2022.

Denunciamos a falta de transparencia en todo o proceso sobre a realidade do proxecto. Ademais do lyocell, tecido artificial fabricado a partir da pasta de madeira, tamén xerará celulosa en grandes cantidades. É unha fábrica que non fecha o ciclo produtivo senón que falamos dunha macrocelulosa.

Denunciamos que a imaxe dun proxecto limpo e respectuoso co medio non é real, detrás deste lavado verde, greenwashing, o que se busca é branquear a imaxe do proxecto e asimilalo aos conceptos de sustentabilidade ambiental e economía verde, que non é nada máis que un lavado de imaxe para conter a contestación social que provoca a contaminación que producen. A industria
papeleira é unha das que máis degrada o medio ambiente, tanto polo elevado consumo de auga e madeira, que contribúe á deforestación, ao monocultivo de especies de alto rendemento, á destrución de bosques autóctonos e á desertización.

Denunciamos o desorbitante consumo de auga que ademais, a rendemento máximo, a fatoría extraerá cada día, 46 millóns de litros de auga do río Ulla, que canalizará a través de 12 quilómetros de tubos que afectarán a máis de 800 parcelas.

Denunciamos o impacto dunha industria de enclave na bacía hidrográfica do Ulla e na ría de Arousa. Dese volume devolverá ao río 30 millóns de litros diarios de aguas residuais. Co que significa para a canle receptora e toda a flora e fauna da zona. O certo é que a empresa si recoñece que os 30 millóns de litros de auga que verquerá a 27 graos ao río poderían elevar ata tres graos a emperatura natural do seu leito e admite tamén que a auga que devolverá ao río non se tratará de auga limpa, senón depurada. Debido a cuestións técnicas non vai reutilizar a auga e que necesitará abastecerse diariamente do río o que vai provocar un grave problema para o ecositema do Ulla.

Denunciamos o impacto da contaminación atmosférica na saúde e no medio natural. En momentos onde un dos maiores problemas que sofre, non só Galiza, senón o mundo enteiro é a mudanza climática, este proxecto tamén contempla a emisión á atmosfera de gases de xofre, óxido de xofre, óxido de nitróxeno, monóxido de carbono e partículas doutros compostos tóxicos.

Denunciamos o desastre para os postos de traballo, o marisqueo tradicional da zona. En Verdegaia temos claro que a perda de emprego vai ser importante a medio e longo prazo e que en momentos de crise económica, onde os postos de traballo non sobran e o sector tradicional é un colchón ante a crise, é dunha irresponsabilidade enorme para un goberno aprobar este tipo de proxectos e declaralos de utilidade pública.

Desde Verdegaia denunciamos a falta de transparencia das empresas que están detrás do proxecto e consideramos preocupante a relación entre a administración pública e a empresa responsable do proxecto. O principal negocio de Altri é a produción de papel, madeira e coprodución de enerxía ao traveso das súas subsidiarias Celulose do Caima, Celbi y F. Ramada. O primeiro paso no proceso de lavado de cara de Altri foi renomearse como Greenfiber que é o nome da filial galega nacida da alianza con Greenalia, en cuxos órganos de dirección se sentan varias persoas do mundo da empresa, da política, do sector financeiro e da dministración pública.

Desde Verdegaia denunciamos o Impacto sobre o Patrimonio cultural e a paisaxe. As infraestruturas propostas no proxecto non evitan a afeción a elementos catalogados do patrimonio cultural galego ou á súa contorna deprotección.

Desde Verdegaia denunciamos, o incumprimento da normativa europea e estatal. O proxecto da mercantil Greenfiber S.L. é contraditorio e incoherente coa normativa europea/estatal e os seus obxectivos medio ambientais en diversos ámbitos:

  • xestión dos espazos naturais protexidos e, sinaladamente coa Rede Natura 2000
  • Estratexia de Biodiversidade da UE
  • Marco sobre Clima e Enerxía para 2030
  • Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030
  • Plan de acción da UE para a economía circular
  • Estratexia Europea de Infraestrutura Verde e a Estratexia estatal de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas
  • Estratexia Nacional de Restauración de Ríos
  • Medidas Naturais de Retención da Auga
  • Estratexias Mariñas derivadas da Directiva 2008/56/CE
  • Plan Estratéxico de Patrimonio Natural e da Biodiversidade e a Lei 45/2007 para o desenvolvemento sostible do medio rural
  • Lei 7/2021, de cambio climático e transición enerxética (LCCTE)
  • Directiva Marco da Auga 2000/60/CEE, que se trasladou á lexislación española no Texto Refundido da Lei de Augas (TRLA), o Regulamento da Planificación Hidrolóxica (RPH) e a Instrución de Planificación Hidrolóxica (IPH)
  • Regulamento UE 852/2020 relativo aos investimentos sustentables

Desde Verdegaia denunciamos o incumprimento do regulamento da UE, 852/2020. Incúmprese o principio DNSH (Do Not Significant Harm) que obriga aos fondos PERTE ( e se ten en conta nos Next Generation)

POR TODO ISTO DESDE VERDEGAIA, SOLICITAMOS,
1.- Unha declaración negativa. REXEITAR o proxecto para a implementación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestructuras asociadas, promovido por Greenfiber, S.L.
Que se REXEITE a autorización ambiental integrada (AAI),
Que se REXEITE o estudo de impacto ambiental (EIA),
Que NON sexa declarada de utilidade pública.
2.- Que se recoñeza a quen asine (de carácter físico ou xurídico) como interesada no proxecto e as súas afeccións.