A plataforma Galiza sen Gas censura a importación de gas fósil mediante Reganosa, que amais de agravar o cambio climático procede na súa meirande parte dunha zona en conflito bélico e de técnicas de extracción extremadamente perigosas co medio ambiente.

O gas natural licuado (GNL) importado por Galicia durante 2023 a través da regasificadora de Reganosa en Mugardos procedeu case exclusivamente de Rusia e dos Estados Unidos.

O GNL ruso, extraído en Siberia, contribuíu coa súa venda a financiar a maquinaria de guerra rusa. Pola súa parte, o estadounidense extraeuse sobre todo mediante a moi nociva técnica do “fracking”, prohibida en España polo seu elevado impacto social e ambiental (1). 

Nunca Galicia importou tanto gas fósil de Rusia como en 2023

Rusia e os Estados Unidos substituíron nos últimos anos a África como o principal subministrador de gas fósil a Galicia. Dos 29 buques metaneiros descargados na planta de regasificación de Mugardos en 2023, vinte tiveron orixe en Rusia, sete nos Estados Unidos e dous en África (2).

Resulta máis que reprobábel e eticamente indecente que sigamos a importar gas fósil que axuda a financiar guerras ou atenta moi gravemente contra o medio ambiente. E máis aínda que o propio goberno galego teña participación económica neste sucio negocio, sen que nin sequera teña prevista unha folla de ruta para o seu abandono, que é imperativo para a loita contra o cambio climático”, afirman dende Galiza sen Gas. (3)

As importacións galegas de GNL de Rusia comezaron en 2018, seguindo desde entón unha traxectoria ascendente até chegar a un máximo en 2023.

A resposta da Unión Europea perante a invasión de Ucraína por Rusia en 2022 derivou nunha caída das importacións totais de gas ruso -de gasoduto máis GNL- na propia Unión Europea, mais as de GNL en particular medraron, gañando peso na actividade da regasificadora de Mugardos en 2023.

Debido a Reganosa, Galicia foi pioneira en Europa tanto na importación de gas ruso desde a península siberiana de Yamal como de gas estadounidense de “fracking”.

En 2016 chegou a Mugardos un buque metaneiro procedente dos Estados Unidos, cifra que iría crecendo até chegar a nove en 2022, baixando a sete no pasado ano. A grande maioría do gas fósil estadounidense é de “fracking”, especialmente o exportado desde as plantas de licuefacción da costa do Golfo de México, orixe do destinado ao noso país. 

O gas licuado é o máis nocivo para o clima

Segundo os anos, a regasificadora de Mugardos é a única ou a principal vía de entrada do gas fósil en Galicia. O que recibimos desde Alxeria a través da rede ibérica de gasodutos é pouco ou nada.

Isto é un inconveniente desde o punto de vista climático, pois o GNL, ao requirir maior gasto enerxético, é máis intensivo en emisións de gases de invernadoiro que o de gasoduto, o que se acentúa se proceder de “fracking”, xa que esta técnica favorece as fugas de metano.

Case todo o gas importado por Galicia destínase ao consumo interno, reexportándose unha pequena parte.

Nos últimos anos disparouse o consumo galego de gas fósil

O atraso na transición enerxética fixo que o consumo galego de gas fósil aumentase o 41,5% entre 2016 e 2022, atinxindo o máximo histórico (4). As centrais térmicas de gas (ciclos combinados) de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa) e a industria acaparan conxuntamente un 90% da demanda anual galega de gas fósil.

Abandonado definitivamente o carbón en 2023, o seguinte combustíbel fósil do que podería prescindir Galicia é o chamado gas natural.

A plataforma Galiza sen gas defende o fin do seu uso na produción eléctrica en 2030 e no resto dos sectores en 2035. Obxectivos realizábeis mediante a redución do consumo de enerxía e o desenvolvemento das enerxías renovábeis de forma respectuosa co territorio, coa biodiversidade e con protagonismo cidadá.

Notas

  1. O “fracking” ou fracturación hidráulica consiste en inxectar grandes cantidades de auga, area e produtos químicos tóxicos en formacións xeolóxicas a alta presión para extraer petróleo e gas.
  2. Segundo o informe “El sistema gasista español 2023” de Enagás.
  3. A plataforma Galiza sen Gas pide o peche da regasificadora de Reganosa en Mugardos antes de 2030 e o abandono inmediato por parte da Xunta do accionariado de Reganosa.
  4. Segundo o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), en 2022, ano máis recente con datos, o consumo atinxiu 1.854 ktep (miles de toneladas equivalentes de petróleo), cifra un pouco inferior ao pico acadado en 2021, que ascendeu a 1.931 ktep.