Ideario de Verdegaia

SUSTENTABILIDADE ECOLÓXICA Verdegaia defende unha sustentabilidade ecolóxica forte, que pon en causa o actual modelo socio-económico e o conxunto do industrialismo, sistema que entendemos cumpre superar democraticamente canto antes se é que realmente desexamos construír un mundo no que podermos (con)vivir en paz. Defendermos a sustentabilidade ecolóxica implica aceptar os límites; apostar por reducir a nosa pegada ecolóxica; optar por organizar as nosas vidas sen necesidade de devorar o planeta, empobrecer a biodiversidade e estender a inxustiza; desenvolver novas formas de producir menos contaminantes e máis eficientes… supón vivir, mais non á custa dos demais habitantes do planeta, humanos e non-humanos, actuais e futuros.

XUSTIZA SOCIAL A insustentabilidade ecolóxica xera inxustiza social dentro e entre países, así como a respecto das xeracións futuras. Entendemos que a procura de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social deben ir ligadas: non é posíbel xustiza social perdurábel e/ou global sen sustentabilidade ecolóxica, e non é desexábel unha sustentabilidade ecolóxica construída sobre a inxustiza.

PAZ Entendemos a paz como ausencia de violencia directa, estrutural e cultural e acreditamos na propia paz como camiño, na nonviolencia como medio para superar as diferentes violencias. Para construír un mundo no que realmente podermos (con)vivir en paz -humanos e non-humanos, actuais e futuros-, cumpre non só estender os valores da cultura de paz, é tamén imprescindíbel avanzar en termos de xustiza social e sustentabilidade ecolóxica, así como defender os Dereitos Humanos, dos Animais e dos Pobos. Verdegaia rexeita o militarismo, reclama o desarmamento e aspira á abolición dos exércitos e a guerra.

DEMOCRACIA PARTICIPATIVA Defendemos a procura dunha saída emancipatória -e, xa que logo, democrática- á crise ecolóxica global, e alertamos sobre a seria posibilidade de que fórmulas autoritarias se abran paso rapidamente se non afrontamos inmediatamente este repto. Achamos necesario avanzar cara a formas de democracia o máis participativas posíbel que permitan un ordenamento das nosas vidas máis reflexivo, responsábel e acorde coa vontade cidadá. Unha democracia participativa, reflexiva e ecolóxica como a que procuramos, que teña en conta as consecuencias das nosas tomadas de decisións, que dea voz a quen non a ten -humanos doutros lugares, non-humanos e xeracións futuras-, esixe, para alén da participación da cidadanía, o acceso desta á información e á xustiza en asuntos ambientais.

AUTOORGANIZACIÓN DA CIDADANÍA GALEGA A nosa sociedade referente é a galega, nela nos organizamos e aspiramos a contribuír para a creación dunha cidadanía galega forte. Entendemos que para a construción dun país ecoloxicamente sustentábel, socialmente xusto e radicalmente democrático, é imprescindíbel unha cidadanía forte, autoorganizada, responsábel, empática e solidaria, na que os principios e valores ecopacifistas sexan hexemónicos. Defender a autoorganización cidadá galega non é apostar polo autoillamento de Galiza. Os cambios necesarios a nivel local e global para superarmos dun modo emancipatorio o industrialismo e a crise ecolóxica derivada deste, requiren tamén visión global, diálogo e alianzas entre organizacións sociais de todo o planeta.

INDEPENDENCIA E APARTIDISMO Non é posíbel unha cidadanía autoorganizada e forte sen organizacións sociais soberanas, alleas ao control por parte de empresas, gobernos e partidos políticos. Verdegaia é unha asociación apartidaria e independente, mais non por iso apolítica. A política non pode nin debe ser reducida ao ámbito institucional e partidario. Ao defendermos uns ambiciosos obxectivos de transformación social, autoorganización cidadá e democracia participativa estamos a facer política, estamos a realizar unha forte aposta polo exercicio da política da cidadanía, que non é menos importante que a institucional e partidaria.

DEFENSA DOS DIREITOS DOS ANIMAIS NON-HUMANOS E DEMAIS SERES VIVOS
Os seres humanos industrializados de hoxe non somos nin os únicos nin os derradeiros habitantes do planeta, hai e debería poder haber muitos outros máis. Debemos organizar as nosas vidas sen hipotecar as do resto de habitantes do planeta, actuais e futuros, que teñen tanto dereito como nós a un ambiente saudábel e a vivir en paz. Os animais non-humanos son seres vivos con necesidades, sentimentos e capacidade de sufrimento, non obxectos para o noso uso e desfrute. Non temos dereito a facer sufrir inecesariamente a outros seres vivos nin a os extinguir.

DEFENSA DA DIVERSIDADE CULTURAL E LINGÜÍSTICA Defender un mundo no que podermos (con)vivir en paz -pobos, culturas, humanos e non-humanos, de hoxe e de mañá-, supón defender a biodiversidade, mais tamén a non menos ameazada diversidade cultural e lingüística (cos Dereitos Humanos e dos Animais como límite). Como organización social galega asumimos o compromiso de manter vivas e defender a lingua e cultura galegas.

SUPERAR TAMÉN O PATRIARCADO Industrialismo, patriarcado e modelo heterosexista están estreitamente relacionados. O patriarcado é un sistema de dominación violento que procura o sometemento ao home de máis da metade da humanidade e do resto da biosfera. Os que primeiro están a sufrir os rigores da crise ecolóxica global á que nos levou o industrialismo son os que menos beneficios tiraron del, entre os que destacan as mulleres das periferias. A humanidade toda, e o conxunto da biosfera, ten muito que gañar emancipándose do patriarcado: a vida.