Aínda que paralelamente presentou un documento moito máis elaborado, a Xunta vén de comezar o procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) sometendo a consulta pública un pequeno documento de inicio do Plano Galego de Acción fronte ao Cambio Climático. Aínda que o documento de inicio non define obxectivos de redución de emisións, polo que xa se coñece publicamente, a Xunta renuncia a diminuír as emisións de GEI no período 2008-2012 a respecto da situación actual. Verdegaia tamén está a participar na AAE de dous planos moi relacionados coa loita contra a mudanza climática: o Plano Enerxético e o Plano Eólico.

Verdegaia presentou os seguintes comentarios ao Documento de Inicio do Plano Galego de Acción fronte ao Cambio Climático:

-O obxectivo de redución das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) debe supor unha diminución real das emisións de GEI a respecto da situación actual, e non só a respecto dun escenario tendencial. Neste senso, consideramos un obxectivo ambicioso e realista que as emisións no período 2008-2012 non superen nun 15% as do ano base (1990 para o CO2, CH4 e N2O e 1995 para HFCs, PFCs e SF6), en liña co límite de aumento fixado para o conxunto do Estado español no ámbito do acordo da Unión Europea para o cumprimento do Protocolo de Quioto (sen considerar o uso de mecanismos de flexibilidade e o cómputo do efecto sumidoiro). En 2006, as emisións eran un 20,6% superiores ás do ano base, polo que o obxectivo de limitar o aumento ao 15% parece factible.

-O Documento de Inicio fala da definición de dous escenarios para o cálculo das proxeccións de emisións de GEI, aínda que logo se refire a tres (tendencial, segundo as alternativas desbotadas, segundo a alternativa seleccionada). Un dos escenarios a definir debería ser aquel no que as emisións de GEI no período 2008-2012 non superasen nun 15% as do ano base.

-As actuacións planificadas pola Xunta deben abranguer non só os sectores difusos, senón tamén os sectores industriais afectados pola Directiva 2003/87/CEE, pola que se estabelece o réxime de comercio de emisións de GEI. Estes sectores supoñen actualmente o 47,8 % das emisións totais do noso país. O Goberno galego debe facer uso das súas competencias -por exemplo, en materia de fiscalidade- para favorecer reducións de emisións nestes sectores, especialmente no da produción eléctrica.

-O Plano Galego de Acción Fronte ao Cambio Climático debe considerar e previr o impacto ambiental negativo que poden conlevar algunhas accións necesarias para a mitigación da mudanza climática, en particular, os posibles prexuízos para a conservación da diversidade biolóxica derivados de accións para a promoción das enerxías renovables (construción de parques eólicos, aproveitamento enerxético da biomasa,…). Asemade, achamos que se debe desbotar como medida aceptable para o aumento da fixación de carbono o mantemento ou a expansión da superficie forestal coberta por plantacións de eucalipto ou doutras especies arbóreas de crecemento rápido.

-O Documento de Inicio non segue fielmente o esquema estabelecido pola propia Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostibel para os documentos de inicio dos procedementos de Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE). Así, non se fai referencia a criterios para a análise e comparación de escenarios alternativos, non se fai unha aproximación aos efectos previsibles, non se mencionan os planos e directrices xerais e sectoriais relacionadas, non se definen obxectivos específicos, non se especifican os tipos de medidas, etc. Esta falta de concreción chama poderosamente a atención cando a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, de forma paralela ao inicio do procedemento de AAE, presentou un documento moito máis completo -que podería ser xa un documento final-. Ao noso ver, isto devalúa claramente o procedemento de AAE, xa que resulta evidente que os traballos para a elaboración do Plano están moito máis avanzados do que reflite o documento de inicio. A Dirección Xeral responsable dos procedementos de AAE desvaloriza así este procedemento na tramitación dun plano do que ela é promotora. O documento de inicio preséntase cun notable atraso, cando xa parecen tomadas moitas decisións sobre o contido do Plano.

Plano Enerxético e Plano Eólico tamén obxecto de AAE

Dous planos moi relacionados coa loita contra a mudanza climática, o Plano Enerxético 2007-2012 e o Plano Eólico, ambos os dous promovidos pola Consellaría de Innovación e Industria iniciaron hai uns meses os seus procedementos de AAE. Verdegaia tamén presentou comentarios aos respectivos documentos de inicio destes planos, cuxa tramitación seguirá atentamente. Logo de analisar estes documentos, Verdegaia conclúe que o Plano Enerxético está lonxe de se poder considerar sustentábel, mentres que o Plano Eólico non garante que a construción de novos parques eólicos sexa en todos os casos compatible coa conservación das zonas de alto valor ecolóxico. Verdegaia presentará propostas e críticas concretas cando se sometan a consulta pública as versións preliminares dos devanditos planos.

Comentarios Documento de Inicio Plano Enerxético 2007-2012

Comentarios Documento Inicio Plano Eólico

Máis información:

Web da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible sobre AAE