Xunta, Deputación e concellos da comarca de Vigo por fin se poñen de acordo en algo: na promoción dunha competición automobilística, claro exemplo de queima innecesaria de combustibles fósiles e da promoción de condutas incívicas nas vías públicas

Nun contexto de emerxencia climática, de crecente sinistralidade nas estradas e de milleiros de mortes prematuras en Europa pola contaminación derivada dos vehículos a motor, asistimos cada quince días en Galicia á “festa da queimada de goma e do escape que petardea” patrocinada por diversas institucións públicas.

As administracións que deberían adicar esforzos para concienciar a poboación sobre a necesidade de minimizar o uso dos vehículos motorizados e promover un modelo de mobilidade máis saudable e beneficioso para o medio social e ambiental, prefiren adicar recursos a patrocinar rallies.

Din os amantes do motor que “Galiza é terra de rallies”, pois non, Galiza é terra de incivismo, de morte e de dor nas estradas. Só no mes de Xuño morreron máis de 20 persoas nas estradas galegas mentres coches e motos gozan dunha absoluta impunidade para circular en exceso de velocidade e de forma temeraria ao que engaden ese son tan agradábel que emiten os escapes trucados…

No caso desta fin de semana, e para máis inri, o Concello de Vigo escolleu o Castro para realizar unha das probas urbanas, promovendo unha contaminación atmosférica e acústica perfectamente innecesaria nun dos poucos espazos verdes da cidade.

Se analizamos a listaxe de patrocinadores deste evento sorprende que a Xunta de Galicia patrocine este evento a través de catro institucións diferentes (Deporte Galego, Galicia Saudable, Xacobeo 21-22 e a propia Xunta de Galicia).

Usar a iniciativa Galicia Saudable para patrocinar unha competición automobilística é unha incoherencia propia dunha Xunta de Galicia que redacta plans contra a Mudanza climática ao mesmo tempo que defende a continuidade da Central térmica das Pontes ou de ENCE.

Como pode patrocinar un evento destas características unha institución como Galicia Saudable que na súa web informa que ten como “obxectivo prioritario crear as condicións para que a poboación galega goce dunha vida máis activa, que permita conservar a saúde e a autonomía persoal, gozar de maior benestar e calidade de vida, e previr e reducir a presenza de enfermidades relacionadas co sedentarismo”… e destina cartos a patrocinar un rally?!?

O que sucedeu esta fin de semana en Vigo, hai 15 días no rally do Condado e o que sucederá dentro de 15 días no rally da Estrada reflicte un problema transversal a toda a sociedade. Cómpre que partidos políticos, medios de comunicación e as persoas en xeral tomemos conciencia que este tipo de espectáculos competitivos, que pouco ou nada teñen de deporte, promoven un modelo de mobilidade perigoso, contaminante, daniño para a saúde e causante de emerxencia climática.

[1] https://www.eea.europa.eu/es/highlights/la-contaminacion-atmosferica-todavia-demasiado