A actividade forma parte da iniciativa Laboratorio Ecosocial do Barbanza
As Brigadas deseucaliptizadoras arribamos á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Leiro (en Rianxo) da man do proxecto do Laboratorio Ecosocial do Barbanza do que fai parte Montescola e organizará diversas actividades de voluntariado na comarca ao longo do próximo ano e medio.
A intervención terá lugar o sábado 25 de maio de 9:30 a 14:00, na que machacaremos rebentos de eucalipto e descacaremos varias manchas de acacia negra (Acacia melanoxylon), nunha zona cun inmenso patrimonio arqueolóxico (máis dunha ducia de mámoas e petroglifos).
Ao acabar, celebraremos o tradicional xantar de albaroque nun local próximo e, de tarde, as participantes poden quedar nalgunha das praias da parroquia como a das Cunchas ou Porrón.
A actividade está aberta a todos os públicos e a todas as idades e debedes apuntarvos até o xoves 23 de maio enviando un email a info@montescola.org Pídese compromiso de participación para quen se inscriba para non malgastar recursos valiosos á hora de encomendar a comida.
VÉMONOS NO MONTE !!!
A tua doazón conta!
Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.