SÁBADO 12 de xuño as Brigadas deseucaliptizadoras actuarán por primeira vez sobre o monte San Lois (Noia), terras da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de San Lois onde se pretende erradicar a praga da acacia negra (Acacia melanoxylon) que asola a comarca. O monte San Lois ten un gran valor natural e paisaxístico e inténtase recuperar con especies autóctonas.

Na roga, organizada pola Marea Cidadá de Noia, traballaremos coordenadas nunha zona ampla gardando as distancias persoais. Os traballos no monte comezarán ás 10:30 da mañá e teremos como punto de encontro a área recreativa de San Lois ás 10:00h.: https://goo.gl/maps/Vghcas349je6DxYr8

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a mareanoiesa@gmail.com ata COMO MOI TARDE o día 9 de xuño. Lembrade que as prazas son limitadas. Por favor, inscríbete só se podes vir. Avísanos en caso de restricións alimentarias.

Se aínda non tes a túa camisola de brigadistas, lembra de avisarnos da túa talla no email de inscrición para que che teñamos unha reservada. As camisolas son totalmente gratuítas para as brigadistas activas, aínda que serán moi benvidas as doazóns voluntarias e
fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

A acción realizarase en pequenos grupos separados, cumprindo o protocolo COVID e mantendo igualmente as distancias persoais entre si.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

VÉMONOS NO MONTE!