O Movemento Galego polo Clima realiza varias actividades ante a celebración da COP 28: concentración/foliada, palestras, iniciativas nos concellos e actividades nos centros escolares.

Foliada polo clima. 2 de decembro, 19 horas en Compostela

En Compostela realizarase unha concentración durante a celebración da 28ª conferencia das Nacións Unidas sobre o cambio climático (COP 28), o 2 de decembro ás 19 horas no palco da Alameda.

Campaña de mocións en todos os concellos do país. Pensamos globalmente, actuamos localmente.

Desde o Movemento Galego polo Clima (MGpC) comezamos unha campaña de presentación de mocións en todos os concellos de Galicia para intentar reducir o impacto ambiental de todo o noso territorio desde o ámbito local.

A campaña é unha máis das actuacións que o MGpC desenvolverá durante os días nos que se celebra a 28ª conferencia das Nacións Unidas sobre o cambio climático (COP 28).

Sabemos que as competencias para solucionar esta crise climática de nivel planetario quizais estean en institucións supraestatais pero a lentitude coa que están a actuar, obríganos por conciencia e ética a facer o que estea na nosa man tamén a nivel local. Recorremos ás portavoces da cidadanía nos concellos, pedímoslles que abran os ollos e observen as evidencias científicas, e que nos digan que por elxs non vai quedar, que nos digan que van facer o que poidan, e pedímoslles que o fagan.

O que lles solicitamos é sinxelo: pedímoslles que presenten unha moción no seu concello na que se inste ao goberno municipal a tomar unha serie de medidas a nivel local. Unhas medidas que suporán unha considerable redución do impacto medioambiental do concello.

Poden decidir modificar o modelo de moción que lles enviamos, pois, anque o desexable é aprobar todos os acordos que lles propomos, o importante é que en todos os concellos do país se tomen medidas contra o quentamento global, contra a contaminación e en favor da vida e da biodiversidade.

Segundo unha enquisa realizada por Sigma Dos no 2023:

  • O 83 % das persoas enquisadas aseguran que si que se está producindo un cambio climático.
  • O 75 % sinalan o ser humano como responsable.
  • O 76 % confesan estar moi preocupadas e consideran que se trata da maior ameaza que afronta a humanidade.

Na mesma enquisa, indicábase que o 82 % consideran bastante urxente tomar medidas, pero aseguran que os gobernos e as empresas privadas non están á altura.

O que lle pedimos ás nosas representantes das institucións locais é que representen ese 82% da poboación que considera que hai que actuar, e que lle demostren á cidadanía que a nivel local si que estamos dispostas a mudar as cousas para mellor.

En concreto, pedirémoslle a todos os concellos de Galicia que adopten os seguintes acordos para levalos a cabo ao longo dos anos 2024 e 2025 en todas as actuacións que o concello costee:

  1. Contratar unha tarifa enerxética de enerxía 100% renovable para todos os consumos.
  2. Reducir o consumo de papel, empregar só papel reciclado e tintas de orixe vexetal para a impresión.
  3. Renovar a rede de alumeado municipal onde sexa preciso na procura dun menor consumo enerxético. Primar o alumeado nas zonas peonís e non nas estradas. Empregar sensores de movemento sobre todo en zonas pouco transitadas para non ter farois acesos toda a noite sen dárselles ningún uso.
  4. Promover dun xeito efectivo a reciclaxe, instalando contedores de todos os tipos onde aínda non os hai e mellorar a recollida de residuos, especialmente no rural.
  5. Primar a mobilidade activa e inclusiva, a pé e en bicicletas.
  6. Establecer un plan de transporte sostible urbano-rural e potenciar o transporte público e a intermodalidade.
  7. Facer un plan de renaturalización, restauración, conservación e protección de espazos naturais. Programa de eliminación de especies exóticas invasoras.
  8. Facer un plan preventivo contra incendios forestais, asolagamentos e secas.
  9. Elaborar un censo actualizado da biodiversidade do concello.
  10. Establecer zonas de reserva para a conservación da biodiversidade.
  11. Fomentar da mobilización de terras para a produción ecolóxica e recuperación de antigas terras de cultivo.
  12. Investir no saneamento integral dos cursos fluviais e/ou litorais e control dos vertidos.
  13. Recuperar os espazos naturais fluviais e/ou do litoral eliminando infraestruturas abandonadas ou que non xustifiquen a súa instalación nese lugar.
  14. Fomentar medidas de aforro e uso racional a respecto do mantemento e o reaproveitamento.
  15. Facer un plan de protección e recuperación de acuíferos e humedais.
  16. Facer un plan de substitución de caldeiras comunitarias de gasóleo dos edificios por outras caldeiras que funcionen con enerxías renovables.
  17. Abandonar os combustibles fósiles, apostando por unha enerxía 100% renovable.
  18. Instalar nos edificios públicos paneis fotovoltaicos para consumo público e/ou compartir con persoas vulnerables.
  19. Reducir significativamente a carga fiscal en vivendas e edificios que instalen autoconsumo ou realicen medidas de eficiencia enerxética.
  20. Destinar fondos específicos a familias en pobreza enerxética.
  21. Axustar os orzamentos anuais do concello para poder atender estes acordos.

As mobilizacións polo clima chegan ás aulas

Desde o Movemento Galego polo Clima (MGPC) acabamos de trasladarlle a todos os centros educativos unha iniciativa e unha invitación para participar nela.

Con motivo do comezo da C0P28, desde os colectivos que formamos parte da plataforma  do MGpC estamos a traballar para que neste tipo de cimeiras as nosas representantes asinen acordos de medidas vinculantes que axuden a parar os devastadores efectos da crise climática. Para isto deseñamos unha campaña dirixida ao alumnado que consiste en que o alumnado faga unha serie de actuacións o 5 de decembro:

1) Sumarse  a un minuto de silencio durante a xornada lectiva.

2) Ler un manifesto

3) Tal vez realizar algún tipo de acción para concienciar o alumnado dos efectos da crise climática e da urxencia de tomar medidas.

O manifesto pode ser tanto o que lle enviamos aos centros (ver aquí) como un que realice o alumnado de cada centro.

Como ideas de actos simbólicos podería ser a realización dunha faixa e colgala no centro, algún tipo de obradoiro para explicarlle ao alumnado os graves efectos da crise climática, unha concentración ou sentada simbólica no recreo…

Agradeceríamos moito que vos animásedes a participar, desde as redes e a web do MGPC, que estamos agora actualizando, daremos difusión as fotos ou videos que nos enviedes, tamén sacaremos un listado de todos os centros educativos que se animen a participar, con enlaces as súas webs. 

Outras accións realizadas