Na pasada asemblea anual de Verdegaia acordamos unha serie de liñas estratéxicas de traballo para este ano 2019. Unha delas é a dos feminismos. Para o colectivo a cuestión de xénero e os feminismos son algo presente dende o inicio da nosa actividade, quer como parte das nosa acción, quer como reflexión de fondo. Se cadra un dos momentos máis visíbeis nese sentido foi a organización en Compostela das xornadas ecofeministas “Repensando a vida”, aló polo ano 2012.

Porén, como todo grupo humano inserido nunha sociedade patriarcal, non estamos libres de reproducir esquemas, roles, relacións, etc., que pertenzan ao tipo de prácticas que desexariamos superar. En xeral, esta situación acontece tamén no resto de colectivos que pertencen aos movementos sociais.

Por iso fainos especial ilusión facervos partícipes dunha proposta que ten chegado a asociación para adicar un tempo á formación interna en xénero. Trátase dun obradoiro teórico-práctico co título de Xénero, poder e feminismo: transformando as relacións e os coidados nos grupos”. As súas responsábeis, Mar Cendón, María Rosendo e Mari Fidalgo, son persoas con experiencia tanto nos feminismos como nos movementos sociais. Elas definen así a proposta: “articúlase como un convite, un espazo para reflexionar e tomar consciencia de como a construción diferencial de xénero inflúe no funcionamento dos grupos. Nesta primeira proposta imos partir da idea do xénero como unha categoría de opresión e, analizando de forma crítica as relacións de poder que establece (rangos, roles, toma de decisións, distribución de tarefas etc.), achegarnos ao feminismo”.

A duración do obradoiro é de 12h, e os seus contidos son os seguintes:

Bloque 1 Xénero, poder e privilexios

Bloque 2 Os coidados nos grupos

Bloque 3 Unha ollada feminista ao traballo con grupos

En Verdegaia decidimos aceptar o convite e trasladárvolo, abríndoo para alén da nosa asociación, co fin de conseguir xuntar un grupo de persoas suficiente que permita levar adiante o obradoiro. Tamén consideramos que acadar un grupo máis diverso pode ser enriquecedor. O lugar de celebración sería Vigo, no C.S.A Revolta e, as datas o fin de semana do 22-23 de xuño. Sábado 22 de 10:00-14:00h e de 16:00 a 20:00, e Domingo 23 de 10:00-14:00h.

A actividade de formación está pensada para un grupo máximo de 20 persoas. Para animar á participación independentemente da situación económica de cada quen, temos decidido que a cota será de 30 euros para as persoas non socias de Verdegaia. A nosa idea é combinar a necesidade de remunerar de maneira xusta o traballo das persoas que imparten o obradoiro, coas diversas situacións económicas das persoas interesadas. Por iso, no caso de que alguén non poida aportar esa cantidade, buscaremos fórmulas alternativas, xa que non queremos que neste mundo de precariedade que nos impoñen a cuestión económica sexa a que determine que unha persoa poida ou non participar de actividades tan interesantes coma esta.

Se che interesa e/ou queres algo máis de información sobre o obradoiro podes escribir a info@verdegaia.org, ou chamar a este teléfono, 685272751 (Sabela). Para anotarte debes indicar nome e apelidos e un telefone de contacto. O número de conta da Asociación é ES48 2080 0300 8130 4014 5120