Verdegaia e a OMIX do concello do Porriño retoman as actividade de restauración ambiental no río Couso mediante a retirada de residuos e a extracción de especies invasoras.
O sábado 4 de Maio sumámonos á celebración da 4ª Semana sobre especies invasoras, unha iniciativa promovida por LIFE CCOP Cortaderia e LIFE INVASAQUA, na que ao longo da semana do 4 ao 12 de Maio se realizarán multitude de actividades en toda a Península Ibérica orientadas á conciención sobre a problemática que supoñen as especies exóticas invasoras.
A actividade que organizamos dará continuidade aos traballos realizados o ano pasado encamiñados a recuperar o estado natural do treito final río Couso, tamén coñecido como Fonteliño, mesmo ao carón do paseo do Louro no Porriño.
Ao longo de tres xornadas, 4 de maio, 1 de Xuño e 15 de Xuño, recolleremos o lixo acumulado, eliminaremos algunhas especies invasoras e acompañaremos o crecemento das arboriñas que plantamos durante o Inverno.
A elección do local desta actividade procura visibilizar un tipo de actividade, a restauración de espazos naturais, que moitas veces realizamos en zonas afastadas e non é observada polo grande público. Programando esta acción nunha zona que moitas persoas de toda a comarca utilizan para pasear e facer deporte iremos demostrar como a recuperación de espazos naturais moitas veces é posible contando simplemente co traballo voluntario e comunitario dos propios veciños.
Programación:
A actividade constará de tres xornadas, todas elas en horario de 11:00 a 13:00, os sábados 4 de Maio, 1 de Xuño e 15 de Xuño. Nas que, despois dunha breve charla explicando os obxectivos da actividade, repartiremos luvas e ferramentas entre os participantes para proceder á retirada do lixo e de especies invasoras que impiden o crecemento das especies autóctonas.
A primeira das actividades será o sábado 4 de Maio, de 11:00 a 13:00
Punto de encontro: rúa leandro Diz, 5 (ao lado do paso inferior da liña do tren)
Inscrición: gratuíta en omix@oporrino.org ou no teléfono 691 657 039
