No domingo 7 de agosto continuaremos coa deseucaliptización nunha nova zona de intervención en Froxán (Lousame), ao longo do rego da Abelleira, en parcelas con acordos de custodia do territorio coa Fundación Montescola, nas que no próximo inverno plantaremos árbores nativas.

Será unha convocatoria moi especial, pois teremos conosco ás compas chilenas Verónica González e Nicolás Salazar, que dirixiron o recentemente lanzado documentario “Llamas del Despojo: Incendios del Negocio Forestal“. Durante a mañá filmarán a intervención como parte dun novo proxecto de documentario, e na parte da tarde teremos un faladoiro con elas sobre os desafíos dos incendios e dos monocultivos forestais na Galiza e no Chile. Recomendámosvos ver na casa o documentario, pois non dispoñeremos de proxector ese día.

A roga comezará ás 09:30 da mañá logo de nos encontrar nas proximidades da aldea. Apearemos os eucaliptos que quedan na parcela na que estivemos traballando o pasado 23 de xullo e acabaremos de preparar o terreno para plantar castiñeiros no inverno.

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistasenviar un correo electrónico a info@montescola.org ata COMO MOI TARDE o xoves día 4 de agosto. Por favor, inscríbite só se podes vir.

Se aínda non tes a túa camisola de brigadista, lembra de avisarnos da túa talla no email para que che teñamos unha reservada. Avísanos tamén en caso de restricións alimentarias.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

Colabora co Teaming

Lembramos que tamén se pode colaborar coas Brigadas con 1€/mes a través da Plataforma Teaming das Brigadas.

VÉMONOS NO MONTE!