O Motorbeach, un festival de automobilismo, surf e música que se celebra habitualmente na praia da Frouxeira, e que estaba previsto para o vindeiro fin de semana, vén de ser cancelado polo concello de Valdoviño.

A suspensión do evento, segundo a información aparecida na prensa, faise por mor da Covid, e para evitar contaxios.

Verdegaia viña, precisamente, de solicitar a súa supresión á Demarcación de Costas en Galiza e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Celebramos, pois, a cancelación; e parécenos moi oportuno que as autoridades mostren preocupación pola situación sanitaria. Pola nosa parte, pensamos que hai moitos máis motivos para que ese tipo de festivais non se volvan celebrar nunca nun lugar como o previsto, pois se a saúde pública é importante, a saúde dos nosos ecosistemas tamén o é: ambas están ligadas.

O lugar onde estaba prevista a celebración do Motorbeach é un espazo protexido que reúne, practicamente, tódalas figuras de protección que poder ter un espazo destas características.

Dada a natureza deste festival, con actividades relacionadas co mundo do motor, pensamos que é incompatible co obxectivo de conservación que marca a lei e os diferentes decretos para este espazo.

Cómpre lembrar que a lagoa e areal de Valdoviño xa sofren moitas agresións ao longo de todo o ano, sen que as administracións públicas parezan moi interesadas en tomar cartas no asunto. Entre outras poderíamos falar de:

  • A presenza masiva e incontrolada de cans durante todo o ano, tanto na praia como no sistema dunar e incluso dentro da lagoa.
  • O acceso incontrolado de persoas e vehículos por todo o espazo natural e a contaminación provocada por dita presenza, tanto en forma de plásticos e demais residuos como tamén contaminación acústica e lumínica. Entre outras aberracións, pódense ver vehículos tipo furgoneta acampando impunemente na zona de Punta Frouxeira.
  • A afluencia masiva de público durante a tempada estival, con pisoteo continuo do espazo dunar e destrución absoluta da vexetación existente, en especial na zona próxima ao “chiringuito” de praia chamado “A Saíña” (que por certo e dito sexa de paso, constitúe un importante núcleo de contaminación acústica para o areal).
  • A ausencia de vixilancia no espazo natural provoca que, por exemplo, as persoas veraneantes circulen libremente por todo o sistema dunar, incluída a lagoa e as zonas delimitadas para a cría da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha especie en perigo de extinción que mantén esta praia como un dos últimos lugares de aniñamento no norte da península e que, por isto, goza dunha protección especial. Sen ir máis lonxe, o 5 de xullo había dúas persoas en kayak na esquina SW da lagoa, onde permaneceron durante polo menos 2 horas. Pódense ver durante a tempada estival outro tipo de actividades prohibidas dentro da lagoa, como persoas practicando Kitesurf, sen que as autoridades fagan nada por evitalo e por garantir que se cumpra a normativa que protexe este tipo de espazos.
  • A progresiva presencia de especies invasoras en todo o espazo natural.
  • A apertura artificial da lagoa, que non conta con informes científicos que avalen a súa conveniencia para a saúde do ecosistema.
  • A proximidade de vivendas (cada vez maior) e pistas ao espazo natural, así como a proliferación de sendas e camiños ilegais dentro da zona dunar, onde tamén é frecuente a presencia de vehículos non autorizados polas noites, aproveitando os camiños que se abriron para vehículos de protección civil e ambulancias. De feito, o lado este da lagoa está “vergoñentamente” delimitado por unha pista asfaltada, coa súa beirarrúa enlousada, e varios chalés de legalidade cando menos sospeitosa.

Eses foron os motivos que nos levaron a solicitar a suspensión cautelar do evento, solicitude que reiteraremos en anos vindeiros se se repite a programación dun acto tan pouco axeitado para un espazo natural, que deberían contar, tan sequera, cun estudo de impacto ambiental que determine os posibles impactos sobre o ecosistema.