Hoxe, o núcleo comarcal de Verdegaia-Vigo e a delegación local de Amarante presentaron conxuntamente no Rexistro do Concello de Vigo a "Moción para a adopción de criterios de compra pública responsábel na política de adquisición de produtos e servizos do Concello de Vigo" dentro da campaña galega sobre a compra pública responsábel nas administracións que desenvolven conxuntamente ámbalas dúas organizacións.

Na Unión Europea a capacidade de contratación do sector público supón o 16% do PIB, unha cifra que revela a Administración Pública como gran actora no mercado nacional e internacional en volume de adquisión de bens e servizos.

Neste potencial marco favorable de cambio de modelo de produción e consumo, os colectivos sociais Amarante e Verdegaia piden o compromiso político dos concellos da provincia, para facer un bo uso dos recursos públicos en tempos de crise e incorporar criterios ambientais, sociais e éticos na contratación pública.

A Compra Pública Responsable introduce criterios éticos relativos ao cumprimento de estándares sobre condicións laborais (comercio xusto), desenvolve modelos de consumo máis respectuosos co medio ambiente minimizando o impacto ambiental do consumo municipal, incide na calidade de emprego, na perspectiva de xénero, introduce o apoio a empresas de economía social, étc

A presente campaña en prol dunha Compra Pública Responsable en Galicia levada a cabo porAmarante e Verdegaia, demanda a inclusión de criterios éticos e socioambientais na compra pública tamén por parte das administracións locais.

 

Os Concellos teñen unha gran capacidade de incidencia na economía local. As inversións públicas deben dar exemplo e comprometerse con políticas ambientais (conservación e eficiencia), sociais (inserción, accesibilidade e igualdade) e éticas ( de solidariedade e de loita contra a pobreza) e nunca moverse baixo criterios de rentabilidade de capitais, cando esto supón beneficiar a empresas socialmente irresponsables, contaminantes ou irrespectuosas cos dereitos laborais ou incluso os dereitos humáns.

No marco legal tanto a nivel europeo como agora a nivel, a lexislación permite incorporar criterios sociais, ambientais e éticos nas distintas fases da contratación, polo que igualmente recomendamos aos concellos galegos a inclusión nos contratos menores dos criterios sociambientais e éticos expostos na moción presentada.

Existen tamén múltiples programas e selos (Cites, Procura +, Respiro, etc.) que facilitan que as administracións públicas poidan facer un uso responsable dos recursos públicos.

 

A pesar dalgúns tímidos avances por parte das administracións galegas (introducción de produtos de comercio xusto nalgúns edificios administrativos da Xunta de Galicia, ou implementación de criterios de eficiencia no alumeado público) inda queda moito por facer para que os poderes públicos integren verdadeiramente criterios sociais e ambientais en tódalas etapas de contratación.

A presente moción de compra pública pretende ser un marco básico e rector da contratación pública responsábel nos Concellos galegos que acade un compromiso político constante no tempo por riba de todo cambio de goberno.