bolboreta.jpgVerdegaia, Biodiversidad Virtual e a Asociación Herpetológica Española organizan o 26 de xullo unha Xornada Fotográfica Testing nas Ribeiras do Louro. Unha xornada de testing consiste en agrupar a un grande número de persoas para que nunha zona establecida tomen o maior número de fotos dixitais. Durante todo o traxecto vanse facendo fotos da flora e a fauna, sobre todo da invertebrada (conforman o 80% da biodiversidade). Posteriormente, un grupo formado por máis de 100 expertos categoriza a información, clasifícaa e catalógaa. A idea é involucrar o maior número de xente na criación dunha base de datos con tódalas especies do espazo “testado”. Os colectivos organizadores queren así reivindicar a protección efectiva dunha das zonas incluídas dentro da Rede Natura 2000 de Galicia con maior número de impactos e desfeitas ambientais e gravemente ameazada polo desleixo da administración e a voracidade das empresas.  Convidámosvos a participar connosco nesta xornada!

O cronograma desta actividade é o seguinte: partiremos ás 9:30 h. da estación de autobuses de Vigo (do lado da Avenida de Madrid), comezaremos o testing ás 10:00 h. no aparcadoiro da lagoa de Orbenlle (O Porriño), e regresaremos á lagoa de Orbenlle ás 14:00 h. aproximadamente para xantar todas e todos xuntos. Xa pola tarde, e como remate final, realizaremos unha proxección das fotografías tiradas pola mañá no Punto de Información Ambiental das Ribeiras do Louro.

O percorrido que se realizará no testing é de dificuldade moi baixa e realizarase coa axuda dun guía da asociación que dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos que se vaian observando ao longo da xornada. Partirá do aparcadoiro da lagoa de Orbenlle para visitar a barreira de Orbenlle, turbeira do Cerquido, barreira do Cerquido, turbeira de Albelos, bosque de ribeira do Louro e regreso á lagoa de Orbenlle.

O testing durará todo o día polo que cómpre levar comida, calzado e roupa axeitados, e cámara dixital se se dispón dela. Ademais, é aberto e gratuíto para todas e todos. Para a xente que o desexe, pódese reservar aloxamento en Vigo os días 25 e 26 de xullo envíando un correo electrónico a vicesecretariaxeral@verdegaia.org antes do 22 de xullo, especificando o nome, D.N.I., e días que se hospedará.

Os valores naturais do LIC Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro

Entre os valores naturais que alberga o L.I.C. das Gándaras de budiño e Ribeiras do Louro están Hábitats prioritarios segundo a Directiva Hábitats como as turbeiras, os bosques de ribeira (aquí atopamos o máis extenso de Galicia), Hábitats de interese comunitaria como as breixeiras húmidas, varias especies moi ameazadas e cunha área de distribución moi restrinxida en Galicia como o sapoconcho común (Emys orbicularis), ou parrulos como o charneco común (Anas crecca) que atopa nas Ribeiras do Louro o seu único punto de cría regular na Península Ibérica. Ademais, as Ribeiras do Louro constitúen unha das tres zonas húmidas interiores máis interesantes de Galicia.

En canto ós valores etnográficos e culturais salientan as pontes, pontellas,  poldras, cabaceiros, cruceiros, barreiras, corredoiras, e o camiño portugués de Santiago, entre outros.

No tocante ás desfeitas que padece este espazo natural salienta a contaminación do río Louro malia que existe unha E.D.A.R. construída xa en 2006 para atallar este problema e que aínda está sen funcionar polo desleixo de diferentes administracións: Consellaría de medio Ambiente, Confederación hidrográfica do Norte, e Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui. Outros problemas ambientais son a perda de superficie protexida do L.I.C., a falla da posta en marcha do Proxecto de restauración, conservación e uso público deste espazo natural aprobado en 2007 polo Ministerio de Medio Ambiente, o estado ruinoso do Centro de Interpretación da Natureza que custou perto de 470.000 euros, o lixo que aparece espallado polo lugar e as agresións que se suceden de xeito impune e repetido.

Dende Verdegaia esiximos a protección do L.I.C. das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro mediante o estricto cumprimento da lexislación vixente. Así mesmo, esiximos a inmediata posta en funcionamento da depuradora de Guillarei, a recuperación da superficie incluída na Rede Natura até un mínimo de 872 hectares, a licitación do Proxecto de restauración, conservación e uso público deste espazo natural aprobado en 2007 polo Ministerio de Medio Ambiente e o equipamento e apertura do Centro de Interpretación da Natureza de Orbenlle.

Esta é unha actividade que está englobada na Campaña Rede Natura 2000 de Verdegaia, campaña que a nosa asociación leva a cabo en diferentes espazos da Rede Natura 2000 de Galicia e que ten como fin garantir a adecuada conservación dos espazos naturais que conten con esta figura de protección europea. Dentro desta interesante campaña, o Núcleo Comarcal de Verdegaia-Vigo ten “apadriñado” o espazo natural das Ribeiras do Louro.