litoral CangasSairemos ás 10:15 h. da Estación marítima de Ría en Vigo para coller o barco a Cangas e comezar a camiñar ás 11:00 h. dende a Estación marítima de Cangas.O itinerario previsto é o seguinte: O Salgueirón, Punta Balea, lagoa de Massó, praia de Areamilla, costa de Balea, furnas de Santa Marta, dunas de Liméns, praia de Temperáns, Os Castros, dunas de Nerga, Viñó e Barra, Cabo Pequeno, Punta Subrido, dunas de Melide, Punta Robaleira, Cabo Home, Costa da Vela e volta.

Chegaremos ás 20: 00 h á Estación marítima de Cangas para collermos o barco de volta a Vigo. Cómpre levar comida e calzado e roupa axeitados.

O roteiro comeza coa visita á zona do Salgueirón, anexa ó núcleo urbano da vila de Cangas, onde noutrora, ata ben entrado os anos oitenta do século pasado, se ubicara unha das empresas máis sobranceiras en Europa adicadas ó salgado e a conserva do peixe, a dos Hnos. Massó. 

Este lugar, dende o casco urbano ata Punta Balea, atópase na actualidade en ruinas e no máis absoluto dos abandonos, porén dentro dos máis de 200.000 metros cadrados de extensión, aínda contén no seu legado un dos máis importantes exemplos de patrimonio arquitectónico industrial  (salgadoiro, baleeira e conserveira) de Galicia,  ó que se lle engade polo seu contorno un moi interesante arboreto coa presenza de árbores autóctonas e exóticas a nivel botánico dos catro continentes, dignos de restaurar, conservar e de promocionar como zona verde e sociocultural para o depauperado urbanismo da vila. 

Nembargantes, dende o ano 2004 pende sobre estes terreos un macroproxecto urbanístico (urbanización de preto de 1000 vivendas e construción dun porto deportivo de 420 amarres) que a xeito de pelotazo urbanístico ameaza con destrozar máis de cen anos de historia e unha das reservas mariñas máis importantes de pesca e marisqueo da ría. 

O roteiro continúa pasando pola lagoa de Massó (chamada así porque foi utilizada pola empresa para abastecer de auga ó complexo industrial, mais na actualidade naturalizada e de relevante importancia ribeireña e ornitolóxica), Punta Borneira, e a praia de Areamilla -co seu pequeno e biodiverso dunar- para adentrarse de contado por un tramo de roteiro pola costa de Balea, onde de camiño se poderán visitar as furnas de Santa Marta, de varios metros de profundidade, que a forza e erosión do mar conformou na zona. 

Tralo paso polas praias da barriada de Santa Marta, adentrarémonos por un paseo de madeira na praia e dunares de Liméns, con areeiros de importancia e varias especies vexetais e faunísticas de interese ibérico. 

Ó finalizar a praia tras pasar unha ponte de pedra, collerase por un tramo de antiga corredoira, para máis arriba á esquerda baixar por un camiño de terra ata a praia de Temperáns, onde ó seu abeiro existe asociado ós carballos uns dos máis fermosos exemplares de carballo negral ou cerquiño (Quercus pirenaica). 

Por camiño xa de pé, máis adiante e tras pasar por unha zona erosionada por unha canteira e outra por unha nave de piscifactoría, pasaremos entre penedos polo lugar de Os Castros, chamado así porque neste enclave á beira do mar existiu hai máis de 3000 anos un asentamento castrexo, do que hoxe na súa superficie aínda se ven grosos surcos nas pedras en forma de pías ou cacholas. 

De inmediato nos adentraremos, dentro xa de zona Rede Natura, nos dunares de Nerga, Viñó e Barra, de relevante importancia ecolóxica, onde entre piñeirais (plantados de xeito forestal na metade do século pasado, fixando o que eran dunas móbeis) se expande un dos máis extensos areeiros das Rías Baixas, con abundancia de especies de fauna e flora de interese comunitario e varios endemismos do noroeste ibérico. 

Ó chegar ó extremo de Barra, torcerase á esquerda para percorrer o tramo de cantil que tras pasar por Cabo Pequeno e os restos dunha antiga fábrica de salgado, nos achegue finalmente a Punta Subrido, co seu faro, na entrada da ría. Tras percorrer coa vista as excelentes panorámicas do outro lado da ría e o mar aberto, baixarase á dereita ata a praia e dunar de Melide, para -tras pasar polo faro de Punta Robaleira- achegarnos ó Cabo Home, a punta terrestre co seu faro máis preto das Illas Cíes, hoxe Parque Nacional. 

Este último lugar nos aportará por outra parte unha inmellorábel e grandiosa panorámica dos cantís escarpados da Costa da Vela, co monte Facho e a aldea de Donón ó seu carón. 

Os lugares por onde transcorre o roteiro están na súa maioría protexidos a nivel urbanístico dende o ano 1992 pola C.P.T.O.P. (Consellería de Política Territorial e Obras Públicas) como o espazo natural de Cabo Home, que vén xa dende Punta Area Brava, na ría de Aldán, ata Punta Balea, acollendo toda a Costa da Vela e os dunares de Nerga e Barra como espazo Rede Natura, de catalogación posterior pola UE. 

A pesar disto, dende as tres últimas décadas ata a actualidade os espazos que visitaremos sufriron múltiples agresións ambientais, entre as que destacan as substraccións de area, a introdución de vexetación alóctona e invasora, a proliferación indiscriminada de novos camiños e pistas forestais, o campismo salvaxe e a construción de vivendas ilegais. Na actualidade, as ameazas meirandes son, a parte da macrourbanización e porto deportivo do Salgueirón, a ampliación da piscifactoría de Os Castros e a masificación de vehículos motorizados e de persoas, principalmente os fins de semana e no verán. 

Cómpre unha maior concienciación cidadá e unha maior protección ambiental; ademais, o espazo Rede Natura é perfectamente ampliable polos seus extremos ata Punta Area Brava e ata Punta Balea, polas súas similares características biolóxicas e xeográficas.

 Descarga o cartaz do roteiro