Galiza, un futuro sen carbón pide que o Goberno estatal peche a central de carbón das Pontes antes de 2025
- A plataforma social presentou alegacións á proposta do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC), reclamando un calendario de peche obrigatorio das térmicas de carbón, a máis tardar, en 2025
- A central de carbón das Pontes (Endesa) é unha das maiores fábricas de cambio climático da Unión Europea e a máis contaminante do Estado español
A plataforma Galiza, un futuro sen carbón reclama un PNIEC 2021-2030 que garanta o peche da central das Pontes e do resto de centrais de carbón españolas antes do fin de 2025. O abandono total do carbón e da enerxía nuclear en 2025 sería posíbel cun maior esforzo no despregue das enerxías renovábeis e no estímulo do aforro e a mellora da eficiencia enerxética.
O
Goberno estatal renunciou a establecer un calendario de peche
obrigatorio das centrais de carbón, cedendo
así ás presións, entre outros, de Endesa, da Xunta ou do propio
PSdG. O Goberno central non vai pechar ningunha térmica de carbón.
Simplemente prevé a redución da capacidade de produción eléctrica
con carbón até 0-1,3 GW (xigavatios) de potencia en 2030. A causa
sería a posíbel evolución do prezo da tonelada de dióxido de
carbono (CO2)
no mercado europeo de emisións. Con todo, segundo
a previsión gobernamental, en 2025 aínda estarían operativas 6
centrais, cunha potencia total de 4,5 GW.
A
central de carbón de Meirama (Naturgy) pechará en 2020, mais Endesa
pretende prorrogar a vida da das Pontes até a década de 2040. É a
maior de España, con 1,4 GW de potencia. Tamén
é unha das maiores fábricas europeas de cambio climático. En
2018 foi a 17º industria de toda a UE con maior impacto climático,
ao lanzar á atmosfera 7,9 millóns de toneladas de CO2
causante de cambio climático. Emite máis CO2
que todo o tráfico de vehículos en Galiza [1].
As obras ás que esta a ser sometida reducirán as súas emisións
tóxicas (SOX,
NOX,
partículas) a partir de 2020, mais non as de CO2,
inherentes á queima de carbón. Polo tanto, seguirá
a ser unha enorme fábrica de cambio climático.
Atrasar innecesariamente o peche das térmicas de carbón máis alá de 2025 contribúe a rebaixar a ambición climática do PNIEC, que non está en liña co obxectivo de limitar o aumento da temperatura media global a 1,5ºC, como indican os Acordos de París. No caso da central de carbón das Pontes, dado que está formada por catro grupos de potencia practicamente igual, sería factíbel o seu peche paulatino ao longo da primeira metade da próxima década.
O documento coas observacións da plataforma á proposta de PNIEC pódese consultar nesta ligazón.
[1] Segundo os máis recentes datos oficiais do Ministerio para a Transición Enerxética desglosados por sectores de actividade, referidos ao ano 2016, todo o sector do transporte en Galicia emitiu 5.789.340 toneladas de gases de invernadoiro (expresados como CO2eq.). Despois do eléctrico, é o segundo do noso país con maiores emisións.