Segundo o Goberno galego o obxectivo do novo texto lexislativo será “simplificar e axilizar” os procedementos de avaliación ambiental para favorecer o desenvolvemento económico“. Di que Galicia carece de normativa propia en materia de avaliación ambiental de plans, programas e proxectos pero en realidade o que hai detrás é unha continuidade da lei de fomento e iniciativas empresariais, xa que con esta nova lei de avaliación ambiental afondan máis en reducir a participación tanto da cidadanía como doutros organismos, concellos, asociacións ecoloxistas, etc, xa que poderán decidir con total impunidade se é pertinente consultar á cidadanía ou non. Detrás desta nova lei o que está é o interese de limitar, modificar e reinterpretar os requirimentos da lexislación europea e estatal en materia de avaliación ambiental. Con esta nova lei vólvense reducir prazos e acábase coa protección do medio natural. Os procedementos quedan reducidos a un único informe da Dirección Xeral competente en cada caso, e será esta Dirección Xeral (interesada en que o proxecto vaia para adiante) a que decida se hai ou non algunha afección que faga necesario tramitar un procedemento de avaliación ambiental. O fondo do asunto non é outro que eximir do trámite ambiental proxectos que están obrigados tanto pola UE como pola lei estatal.

Co cambio da figura dos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal da lei de 1995 polos proxectos de interese autonómico agóchase o intento de facilitarlles os trámites aos lobbies empresariais en prexuízo do territorio e das xentes que o habitan. Tamén se pretende conseguir máis dependencia do industrialismo e menos protección para os sectores primarios tradicionais, máis precariedade laboral e menor respecto polo patrimonio natural.

Hai anos que desde o goberno se veñen deturpando e mudando a lexislación coa desculpa de progreso e postos de traballo. É a escusa perfecta para destruír o territorio, pero os postos de traballo non chegan. O nivel de paro e de envellecemento da poboación vai en aumento, ao mesmo tempo que aumenta a permisividade lexislativa na destrución do medio natural. Sempre se usa o mesmo argumento, como xa se fixo coa Lei de iniciativas empresariais e agora coa Lei de avaliación ambiental, aínda que ese discurso xa non resulta crible porque a realidade é todo o contrario. Os únicos favorecidos son os intereses económicos dos lobbies industriais pero nunca os intereses do pobo. Encontrámonos con outra deturpación máis da lexislación en prol do interese e lucro duns poucos. Coma sempre fai o Partido Popular, deixa todo atado e ben atado para que no caso de non seguir no goberno e non poder seguir apoiando os que lle enchen os petos, os seus intereses e os dos seus “compañeiros na riqueza rápida e a destrución igual de rápida” non se vexan afectados.

Os estudos de impacto ambiental son un procedemento que emana do artigo 45 da Constitución española, que recolle o dereito a un medio ambiente san e o deber das administracións a preservalo. Con este proxecto de nova lei túmbase calquera posibilidade de control sobre as empresas e os proxectos que queiran desenvolver. Para a administración a avaliación ambiental víase como un mero trámite que tiñan que pasar porque a lei os obrigaba e para non realizar esta obriga legal o que fan é desfacerse dela tamén mediante normativa. Esta administración en lugar de garantir o respecto á lei, o cumprimento dos prazos e de garantir a participación pública e o máximo rigor na defensa dos intereses xerais, o que fai é destruír o pouco control que quedaba. Este proxecto de lei é un bo exemplo de favorecer un desenvolvemento (pero duns poucos a conta de todos) e de rebaixar e destruír calquera posibilidade de protección do entorno. Con leis deste calibre, a cidadanía ve claramente para quen se goberna e quen se desprotexe. Verdegaia rexeita con contundencia non só este borrador de proxecto de lei, senón este goberno que, mudanza lexislativa tras mudanza lexislativa, está arrasando (en toda a extensión da palabra) calquera posibilidade de futuro digno e de terra viva para todas.

CONSULTA AS NOSAS ALEGACIÓNS AQUÍ.