Marzo comeza con dúas rogas simultáneas o sábado día 2 en Ferrol e Lentille, é a túa escolla, mais non podes faltar!
LENTILLE (O RIBEIRO)
A Asociación Veciñal de Lentille convoca as Brigadas Desacaciadoras para unha nova actuación de control de mimosa (Acacia dealbata) na aldea o sábado 2 de Marzo. Desta volta comezaremos retirando e organizando a ramallada que ficara estrada da última convocatoria e que as constantes chuvias do inverno non permitiran retirar nin queimar. Tamén insistiremos en liberar camiños invadidos pola mimosa.
Para vos apuntardes é imprescindible (alén de estardes inscritos como brigadistas) remitir un email para avlentille@gmail.com até o 28 de Febreiro a máis tardar, comprometendo asistencia.
O punto de encontro será o habitual no Souto e desde alí repartirémonos en grupos e endereitaremos cara as áreas de traballo. Teredes que estar alí ás 9:30 puntualmente.
Disporemos auga fresca e uns petiscos a media mañán con café, froita e unhas madalenas. Remataremos contra as 14:00 pra xantarmos. O albaroque acontecerá na terraza do Cabildo se o clima concorda, e se non habilitaremos o garaxe.
MONTES DO CHÁ (FERROL)
A Asociación Comuneiros do Chá convócanos a erradicar os pés de Helichrysum petiolare que ameazan invadir unha zona repoboada e outra de pasto dos cabalos. O helicrysum petiolare é unha especie orixinaria de Sudáfrica, trátase dun arbusto ramoso e gabeador que afoga toxeiras e mesmo especies arbóreas formando masas monoespecíficas e que na boca da ría de Ferrol hai anos que constitúe un problema ambiental de primeira magnitude ante a pasividade das administracións.
A técnica de erradicación é sinxela e básicamente manual polo que é moi importante que as persoas voluntarias traian luvas preferentemente de coiro pois no terreo hai brotes de toxos mesturados cos helichrysum a erradicar. Se alguén prefire usar sacho pode traelo ou usar os que a organización poñerá á disposición d@s voluntari@s.
Trátase dun traballo sinxelo nun terreo de pouca pendente e desbrozado (nalgunhas zonas recentemente e noutras hai dous anos) polo que a xornada é perfectamente apta para crianzas e persoas maiores. Se hai tempo faranse labores de mantemento de plantacións de anos anteriores e un roteiro polas mámoas do monte e o recinto dos cabalos.
O punto de encontro será ás 9:30 h no Viso (Entre san Cristobal e Martín) hai unha explanada onde deixaremos os coches, fronte a ela un camiño que sube ó Chá e a 500 m comeza a zona de actuación.
https://www.google.com/maps/place/43%C2%B028’11.5%22N+8%C2%B017’32.4%22W/@43.469865,-8.294522,17z/data=!3m1!4b1!4m4!3m3!8m2!3d43.4698611!4d-8.2923333
Para apuntarse é imprescindible, ademáis de estar inscrit@ como brigadista http://verdegaia.org/brigadas/formulario-de-inscricion-como-brigadista mandar confirmación ó correo comunidademontesdocha@gmail.com antes do xoves 29 de febreiro.
Tras a actuación sobre as 14:00 h a organización convidará ás persoas participantes a un xantar colectivo na AVV de Valón, para iso cada persoa deberá traer o seu propio vaso, plato e cubertos, quen teña algún tipo de restricción alimentaria que avise no momento de apuntarse.
VÉMONOS NO MONTE !!!
A tua doazón conta!
Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.
![](https://www.verdegaia.org/wp/wp-content/uploads/2022/06/Teaming.jpg)