Os próximos sábados 17 e 24 de febreiro as Brigadas colaboraremos co proxecto ReNatur_Outes de renaturalización do río Tins ao seu pola Serra de Outes. Para eses días están convocadas dúas xornadas de voluntariado nas que plantarán varios centos de freixos (Fraxinus excelsior) e ameneiros (Alnus glutinosa), árbores frondosas propias dos bosques de ribeira, a carón do río Tins ao seu paso polo núcleo urbano da Serra de Outes.

O obxectivo da acción é dobre: consolidar os noiros do río para evitar erosión e danos durante os episodios de enchentes e contribuir á recuperación dos ecosistemas de ribeira, pois estas árbores teñen unha especial importancia como refuxio de invertebrados bentónicos e pequenos invertebrados.

Pódese apuntar calquera persoa e de calquera idade enviando un email a info@montescola.org ata o día antes de cada unha das xornadas. En ambos os dous casos os traballos comezarán ás 10:00 e seguiranse ata as 12:30 aproximadamente, momento no que se oferecerá un pequeno petisco ao voluntariado participante. O punto de encontro será a Casa da Cultura da Serra de Outes.

VÉMONOS NO RÍO!

A tua doazón conta!

Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.