Ateneo Ferrolán - Xoán Porto - FlickrDende a asociación ecoloxista Verdegaia, Núcleo Comarcal de Ferrol, Eume e Ortegal, queremos manifestar o noso apoio ao Ateneo Ferrolán ante a operación do goberno municipal do Concello de Ferrol que pretende ocupar a actual sede do Ateneo con outras entidades, reducindo o espazo ateneísta a unha pequena parte na que dificilmente poderían desenvolverse as actividades habituais da entidade, así como o cambio do nome da súa sede, polo de “Centro cultural y cívico Concepción Arenal”.

O Ateneo ferrolán é un lugar plural, democrático, aberto á cidadanía, impulsor de actividades de carácter cultural, social e progresista, asi como defensor dos valores culturais do noso pais. En tódalas ocasións nas que solicitamos como asociación as instalacións do Ateneo para desenvolver actividades de xeito temporal, cedéronsenos desinteresadamente e con maiores facilidades das proporcionadas por outros espazos xestionados directamente polo Concello de Ferrol. Precisamente, o valor destas instalacións reside, tanto na súa centralidade, como na súa amplitude e no feito de non estar compartimentadas.

A postura do Concello de Ferrol, defendida polo edil Manuel Reyes Hurtado, é unha máis das decisións tomadas froito da incompetencia, do capricho e da desorientación en materia de políticas culturais. Descoñecemos cales son os motivos polos que se favorece co espazo do Ateneo Ferrolán a dous entidades concretas, e non outras, e por que motivo non se poñen a disposición destas entidades outros locais propiedade do patrimonio municipal. Neste sentido, a cesións dos locais do Concello non debe facerse em base a plantexamentos sospeitosos de electoralismo e de amiguismo, senón a través de criterios claros e públicos, e sen perxudicar a outras entidades para beneficio dunha minoría.