12SEPA Xunta pretende facer agrupamentos en infantil e primaria por debaixo de 18 alumnos e alumnas, o que implican a supresión de decenas de unidades e de mestras e mestres (54 mestras e mestres e 40 unidades só na provincia de Lugo). Isto leva a xuntar nenas e nenos de distintas idades e mesmo de distintos ciclos na mesma aula, co conseguinte deterioro da calidade do ensino.

Esta medida afecta fundamentalmente ás zonas rurais, xa castigadas polo despoboamento, e constitúe un ataque á base do sistema educativo (infantil e primaria).

O problema dos agrupamentos prexudica gravemente aos servizos públicos básicos do rural, xa escasos e constitúe o comezo da súa liquidación definitiva dificultando a volta ao campo como unha alternativa de soberanía alimentaria á crise.

Polo tanto, entendemos que este non é só un problema dos centros directamente afectados este ano, senón de todo o rural galego.

Por isto Verdegaia apoia ás nais e pais de Cervantes, Becerreá, Samos, O Incio, Navia, Pedrafita e As Nogais unidos na Plataforma pola Defensa da Montaña e do Rural para defender o dereito a un ensino público de calidade, e a marcha convocada para mañá 12 de setembro ás 9:30 do Monte do Gozo á Praza do Obradoiro en Santiago, así como a manifestación do Obradoiro a San Caetano ás 12:00.