parcelaria_sta_comba-ponzos_083.jpgVerdegaia insiste en que se paralicen as obras da concentración parcelaria nos espazos da Rede Natura por carecer da preceptiva Avaliación de Impacto Ambiental. Os feitos xa foron denunciados ante o Servizo de Proteción da Natureza (Seprona) da Garda Civil.

En relación coa reanudación das obras da concentración parcelaria nas zonas costeiras de Santa Comba e Ponzos (L.I.C. Costa Ártabra e Z.E.P.A. Costa de Ferrolterra-Valdoviño), na parroquia ferrolá de Covas, a asociación ecoloxísta Verdegaia quere aclarar que os/as proprietarios/as dos terreos afectados non són os únicos/as perxudicados/as, como se pretende facer ver nalgúns medios de comunicación. Pois é a sociedade galega en xeral a que, en realidade, sae maiormente perxudicada ao degradárense uns espazos naturais protexidos da Rede Natura 2000 como consecuencia da execución dun modelo de proxecto parcelario totalmente anacrónico e ambientalmente insustentabel. Débese lembrar que os espazos naturais protexidos están calificados pola normativa ambiental como bens de interese xeral, requeríndose da Administración pública a salvagarda dos seus valores naturais. Pese ás denuncias efectuadas nos últimos días, a construción de pistas sobre os humidais existentes nas devanditas zonas costeiras de Sta. Comba e Ponzos continuan realizándose impunemente. Na maioría dos casos non se xustifica a vertedura de entullos para consolidar o firme das pistas, pois abondaría con manter desbrozados os acesos que con anterioridade xa foron abertos. No caso dos humidais, a solución debe pasar porque a Administración competente se faga coa titularidade dos predios mediante a súa compra ou expropiación, co obxecto de garantizar a súa conservación.

Para eludir o sometimento do proxecto a unha Avaliación de Impacto Ambiental, a Consellería de Medio Rural escúsase en que o proxecto de concentración parcelaria é anterior á entrada en vigor dese trámite ambiental; o que resulta manifestamente falso, dado que para as zonas costeiras de Sta. Comba e Ponzos elaborouse un novo proxecto parcelario entre os anos 1998 e 2001, baseado no aproveitamento de camiños xa existentes, mais tamén na construción doutros novos, a raíz da modificación do proxecto parcelario inicial. Nesa altura, tanto o Decreto 442/1990, de Impacto Ambiental para Galicia como os apartados 2 e 3 do artigo 6 da Directiva 92/43/CEE xa levaban anos en vigor, polo que a Consellería de Medio Rural está obrando de xeito irregular. De feito, un informe da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente do ano 2005 reflicte que a concentración parcelaria de Covas "no fue sometida a ninguno de los procesos administrativos mencionados", en alusión ao trámite de avaliación ambiental establecido por varias normativas ambientais. Polo tanto, a reanudación das obras da concentración parcelaria nas zonas costeiras de Sta. Comba e Ponzos, despois de varios anos paralizada, ben motivada única e exclusivamente por intereses partidistas, ante a proximidade das elecións autonómicas.

Ademáis, Verdegaia denunciou os feitos ante o Servizo de Proteción da Natureza da Garda Civil (SEPRONA), persoándose dous axentes nas zonas afectadas para recadar datos e sacar fotografías dos feitos co obxecto de elaborar o correspondente informe-denuncia. Verdegaia, pola súa parte, está redactando unha denuncia contra as Consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente para presentar ante a Fiscalía de Delitos Ambientais co obxecto de que se depuren responsabilidades. Tamén temos previsto manter unha entrevista co Delegado Provincial da Consellería de Medio Ambiente o Venres día 19, ás 10:30 hs da mañá, no Edificio Administrarivo Monelos da Coruña, para que nos dé explicacións sobre as razóns polas que dito organismo permitiú perpetrar a desfeita ecolóxica nas devanditas zonas costeiras e demandar, unha vez máis, a paralización inmediata das obras para evitar maiores danos.

Por outra banda, algúns "afectados" pola parcelaria están acusando aos grupos ecoloxistas do roubo de pastores eléctricos destinados a impedir que tanto os Porcos Bravos como os Corzos entren nas parcelas cultivadas para alimentarse; o que, ademáis de falso, resulta totalmente calunioso e infundado, pois os ecoloxistas somos partidarios de que se coloquen pastores eléctricos e se indemnicen os danos causados polos animais nos cultivos en vez de autorizar batidas de caza que supoñan a eliminación física do animal. Estamos fartos/as de que sempre nos criminalicen cando o noso único cometido é defender tanto a vida silvestre como os hábitats naturais nos que ésta se sustenta; deberes que a propria Administración semella esquecer.