Ademáis de verse afectada a rede hidrográfica e varias masas arbóreas singulares como a Fraga da Pega, o proxecto poría en perigo a numerosas especies de animais legalmente protexidas. Asemade, cuestiona a necesidade do parque empresarial pola cantidade de solo industrial infrautilizado. Tamén considera que de levarse a cabo o proxecto nos seus actuais termos, contraviría a lexislación ambiental en vigor; por iso recomenda que se estude outro emprazamento alternativo de estar xustificada a súa necesidade.

O Núcleo Comarcal de Verdegaia (bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal) ven de formular alegacións, ante a Consellería de Vivenda e Solo, ao Proxecto Sectorial e ao Estudo de Impacto Ambiental (en diante E.I.A.) do Parque Empresarial de Leixa (Ferrol).

Verdegaia é consciente da necesidade de ordear as actividades industriais, como calquera outra, mais considera que a parroquia ferrolá de Leixa non é a máis axeitada, desde o ponto de vista ambiental, para acoller un parque empresarial como o que se pretende, dado que se verían directamente afectados unha ampla rede hidrográfica, constituida polo Rego de Fonteiroa, o Regato de Leixa e o Rio Seco, ademáis dunha serie de chairas de asolagamento, bosques ripícolas e carvalleiras, principalmente, de grande valor ecolóxico e paisaxístico, tal e como recoñece o propio E.I.A. do proxecto.
No marco dun verdadeiro desenvolvemento sustentabel, sería recomendabel que se aproveitara ao máximo a superficie infrautilizada dos polígonos industriais existentes na bisbarra como Rio do Pozo (Narón), Vilar do Colo (Fene) ou Vidrieiro (Pontedeume) para satisfacer a demanda de solo industrial da que tanto se fala. En calquera caso, cuestionamos a existencia de tal demanda pois, se así fora, non existiría tanta superficie valeira nos polígonos industriais que, segundo a propia Conselleria de Vivenda e Solo recoñece, acada o 44 % en toda Galicia. Este mesmo organismo tamén recoñece que moitas das demandas de solo industrial non están respaldadas por proxectos, respondendo máis ben a intereses especulativos.

En calquera caso, de estar absolutamente xustificada a necesidade de máis solo industrial no Concello de Ferrol, deberíase buscar outro emprazamento alternativo ao de Leixa polos motivos ambientais anteriormente expostos, non tendo por que localizarse o novo parque empresarial no Concello de Ferrol, pois consideramos que se deberían crear polígonos ou parques industriais de ámbito comarcal co obxecto de mitigar o impacto ambiental que conleva a atomización deste tipo de solo, debendo deixar de lado os localismos absurdos, moi propios dos/as alcaldes/as da bisbarra.

Ainda que parte da rede hidrográfica afectada polo parque empresarial incluiríase como zona verde dentro do ámbito, existen outros treitos fluviais que sí se verian afectados polas canalizacións e os recheos. O mesmo acontece coa Fraga da Pega, que pese a incluirse como zona verde no ámbito do parque empresarial, parte da fraga veríase igualmente afectada pola dotación de usos terciarios, equipamentos, aparcadoiros e pola construción dun novo vial (Rua G). Estas afeccións contradinse co disposto no E.I.A. ao afirmarse que "…se van a mantener sin afección las zonas de mayor valor ecológico, quedando como espacio libre y zona verde en la futura zonificación del parque", sinalando como unha das zonas de maior interese a Fraga da Pega. Asimesmo, outras carvalleiras existentes na zona resultarían totalmente destruidas polo parque empresarial.

O E.I.A. recoñece, ademáis, que na zona de Leixa existen, cando menos, centonove (109) especies de animais protexidas, das cales noventa e oito (98) están calificadas como de "interese especial" e tres (3) como "Vulnerabeis" polo R.D. 439/1990 que regula o Catálogo de Especies Amenazadas. Outras dez (10) especies figuran no Anexo II da Directiva 92/43/CEE; é dicir, que para a sua conservación é necesario designar zonas especiais de conservación. Asimesmo, catorce (14) especies figuran no Anexo IV da mesma Directiva europea, para as cales se require unha proteción estricta e vinteseis (26) especies de aves figuran no Anexo I da Directiva 79/409/CEE, relativa á conservación das aves silvestres. Para todas estas especies faunísticas esíxese, como medida indispensabel para a sua proteción, a preservación do seu hábitat natural. Nembargantes, no E.I.A. do proxecto propóñense unha serie de medidas, supostamente encamiñadas a minimizar o impacto do proxecto, que non impedirían a destrución de boa parte dos hábitats naturais sinalados, dos que dependenden as citadas especies faunísticas protexidas.

Desde Verdegaia, pídese á Consellería de Vivenda e Solo que, dacordo coa lexislación ambiental en vigor, se adopten as medidas oportunas para preservar na sua integridade a rede hidrográfica, as chairas de asolagamento, os bosques ripícolas e as carvalleiras existentes na parroquia de Leixa afectados polo proxecto empresarial. De feito, o Val de Leixa figura no Catálogo de Bens Protexidos do P.X.O.M. de Ferrol.