ADEGA, Verdegaia e SGHN manifestan a súa disconformidade coas declaracións do Presidente de SolicitudeAugasdeGalizaAugas de Galiza nas que manifestaba non ter constancia de que se lle solicitaran datos sobre a calidade das augas que enchen o oco da antiga mina de lignito das Pontes. As devanditas entidades comunican que, cando menos en cinco ocasións no último ano, enviaron vía correo electrónico (medio indicado como máis idóneo polo propio organismo Augas de Galiza) solicitudes ao respecto. 
O  feito de non ter recibido ningunha clase de resposta motivou que as dúas últimas solicitudes se realizasen por escrito entregado no Rexistro da Xunta de Galiza, polo que se ten constancia da entrega. Nembergantes, a resposta foi a mesma: ningunha.
 
En relación co resto das declaracións antes citadas, o Presidente de Augas de Galiza afirma que o único perigo de contaminación está no fondo da  antiga mina. É preciso puntualizar que a profundidade da mina é de 200m no campo oeste e somentes 60m no campo leste, onde se atopa a escombreira interior, realizada pola necesidade de conter o deslizamento dos bloques adxacentes. Con 60m de profundidade é posible que no inverno as temperaturas dos distintos estratos se igualen e, polo tanto, se misturen as masas de auga, provocando que os materiais do fondo afloren á superficie, e con eles as caras contaminantes.

 
Por outra banda, o maior perigo reside na fraxilidade do macizo e nas escorreduras procedentes dos taludes,  que presentan zonas nas que é imposible fixar vexetación debido á verticalidade do terreo  e os desprendementos continuos dos materiais que o conforman, o que constitúe unha fonte continua de acidificación das auas, situación que empeorará a partir do cese do aporte das augas do río Eume, feito que sucederá no momento en que as augas da bacía comecen a rebordar cara o Eume pola canle de desaugamento.
 
Un dos datos que se solicitaban no último escrito é se o rebordo xa se producira, pois no caso de que así fose, ENDESA entregaría á Xunta de Galiza a xestión do espazo, como estaba previsto no proxecto. Este acto de cesión conlevaría obrigatoriamente a exposición a información pública cos mecanismos que a lei establece.
 
No que si estamos de acordo é en que os resultados son mellores dos agardados, en canto á velocidade de enchido superáronse as previsións e este completouse en catro anos. Tendo en conta que durante o proceso non chegaron a acadarse niveis pluviométricos óptimos, a rapidez do proceso pon en dúbida o respecto dos caudais ecolóxicos do río Eume ao longo deste período.
 
Tal volume de auga non afectada polas actividades industriais e mineiras suporía, nun principio, segundo o pronóstico expresado no proxecto, unha garantía para acadar unha boa calidade das augas, sen embargo a análise das mostras recollidas ao pé dos taludes o pasado día 22, indican que a situación actual se alonxa significativamente do escenario agardado: pH de 2,5 nos aportes de escorredura e infiltración dos taludes (valor 10.000 veces superior aos normais), osíxeno disolto na auga inferior a 4mg/l, temperaturas de entre 23º e 24º que supoñen unha saturación inferior ao 40%, datos todos que evidencian unha situación que compromete gravemente a viabilidade dos organismos acuáticos.
 
Aínda que a Universidade de Compostela, a través do Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental, na súa máis que custionable intervención, dá o visto e prace ao proxecto, non o fai sen indicar os riscos que este entraña, deixando claro a necesidade de realizar novas investigacións antes de comezar o enchido e do posible carácter  irreversible dos graves impactos aos ecosistemas afectados.
 
 
En consecuencia, as entidades reclaman á Consellería de Medio Ambiente:
  1. Que, tendo en consideración o principio de cautela, se supervise por un equipo independente da empresa os resultados emitidos por esta.
  2. Que se certifique que no momento da entrega do espazo á Xunta de Galiza os obxectivos acadados coincidan cos previstos no proxecto. En caso contrario, ENDESA debe facerse responsable dos custes orixinados para as enmendas precisas co fin de acadar que a entrada da auga no Eume se faga en condicións satisfactorias. É obvio que a Xunta non disporá dos medios económicos necesarios para acadar tal obxectivo.
  3. Que se rectifique publicamente a afirmación de que as entidades non solicitaran os datos requeridos.

     

    Podedes descargar o escrito aquí.