- Verdegaia denuncia ante o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus a vulneración do dereito de acceso á xustiza en materia de medio ambiente e o “círculo de impunidade” sobre a mina de San Finx
Xenebra/Lousame, 22 de marzo de 2023.- Verdegaia defendeu esta semana ante a ONU en Xenebra unha denuncia contra o Reino de España por vulneración do dereito de acceso á xustiza ambiental e á tutela xudicial efectiva, ao teren impedido diversas instancias xudiciais a investigación de feitos presuntamente delitivos relacionados coa mina de San Finx, en Lousame, como son as verteduras de metais pesados que afectan á ría de Muros-Noia, ou as decisións da Xunta de non someter o proxecto á preceptiva avaliación de impacto ambiental.
Esta é o segundo proceso ao que se enfrenta o Estado pola mina de San Finx, estando previsto que o 15 de xuño se celebre a vista definitiva por outra queixa presentada en 2017. Só que desta vez a reclamación é contra a actuación do sistema xudicial español, concretamente contra a súa negativa de investigar diversos delitos relacionados coas minas de San Finx, o que segundo Verdegaia xera un “círculo de impunidade” non só ante os vertidos de augas contaminadas desde a mina mais tamén pola actuación presuntamente delictiva de varios altos cargos.
A queixa ilustra esta situación co caso do ex-director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, que fora chamado a declarar agotado o prazo de instrución, precisamente por ter autorizado os proxectos da mina de San Finx prescindindo do procedemento de avaliación de impacto ambiental. A esta situación súmanse as repetidas tentativas de expulsar a Verdegaia dos procedementos penais, primeiro denegándolle a asistencia xurídica gratuita e máis tarde impóndolle unha fianza de 3.000 euros para poder continuar como acusación popular contra o ex-director xeral de enerxía e minas e outros funcionarios da Xunta investigados por delitos de falsedade en documento público.
Isto motivou que a comezos de 2021 Verdegaia presentase recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, como paso previo a Estrasburgo, onde a asociación ecoloxista xa interpuxo unha demanda contra España ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Agora, coa queixa ante o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, que precisamente congra o consagra o dereito de acceso á xustiza ambiental, Verdegaia busca deixar en evidencia unha situación de extrema gravedade como é a inoperancia do propio sistema xudicial ante os delitos ambientais.
Censuran a reacción do Ministerio
Na vista celebrada esta semana para determinar a admisibilidade do caso, interviu un representante da Subdirección Xeral de Relacións Internacionais do Ministerio para Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que pediu á ONU que non se admitise a denuncia formulada por Verdegaia por considerala “non razoábel”.
En concreto, o Ministerio defendeu que aínda que en todos os casos os Xulgados deixaron caducar os prazos de instrución imposibilitando así que se lles tomase declaración aos imputados, iso non implica que se lle impedise a Verdegaia o acceso á xustiza. Desde a organización ecoloxista califican este pronunciamento como cínico, e piden ao Ministerio que en lugar de poñer impedimentos para que se esclarezan os feitos, asuma os erros xudiciais.
Máis información sobre o caso: https://unece.org/env/pp/cc/pre.accc.c.2022.195_spain