- Verdegaia denuncia ante o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus a vulneración do dereito de acceso á xustiza en materia de medio ambiente
- Expoñemos ante a ONU o “círculo de impunidade” xudicial creado por volta de todo o que acontece nesta mina e dos altos cargos que o permiten
Verdegaia ven de presentar esta semana ante a ONU en Xenebra unha denuncia contra o Reino de España por vulneración do dereito de acceso á xustiza ambiental e á tutela xudicial efectiva, ao teren impedido diversas instancias xudiciais a investigación de feitos presuntamente delitivos relacionados coa mina de San Finx, en Lousame, como son as verteduras de metais pesados que afectan á ría de Muros-Noia, ou as decisións da Xunta de non someter o proxecto á preceptiva avaliación de impacto ambiental.
A Convención de Aarhus tamén consagra o dereito de acceso á xustiza ambiental, en paralelo á Convención Europea dos Dereitos Humanos que establece que os feitos de natureza delitiva que se denuncian deben ser debidamente investigados, o que, segundo a denuncia de Verdegaia, non está a acontecer no polémico caso da Mina de San Finx.
Esta investigación dos feitos é precisamente o que ven impedindo o sistema xudicial mediante diversos autos da Audiencia Provincial da Coruña e dos propios Xulgados, que xustificaron a negativa de investigar diversos delitos relacionados coas minas de San Finx por un sobresemento provisional que se dera nun procedemento previo, no que o ex-director xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces fora chamado a declarar agotado o prazo de instrución.
Aínda que os feitos denunciados, en particular os de vertidos, non gardan relación algunha coa imputación e sobresemento por motivos procesais do ex-alto cargo, as decisións xudiciais están creando un círculo de impunidade xeral respecto aos delitos que gardan relación con esta mina, o que é totalmente contrario ao ordenamento xurídico.
Isto motivou que a comezos de 2021 Verdegaia presentase recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, como paso previo a Estrasburgo, onde a asociación ecoloxista xa interpuxo unha demanda contra España ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. A esta situación súmanse as repetidas tentativas de expulsar a Verdegaia dos procedementos penais, primeiro denegándolle a asistencia xurídica gratuita e agora, impóndolle unha fianza de 3.000 euros para poder continuar como acusación popular contra o ex-director xeral de enerxía e minas e outros funcionarios da Xunta investigados por delitos de falsedade en documento público.
Para Verdegaia, é significativo que estas negativas xudiciais a investigar os feitos presuntamente delitivos que se dan en San Finx cheguen cando a Comisión Europea anuncia unha nova Directiva europa para a protección ambiental mediante o dereito penal, logo de comprobar como durante a última década o número de delitos ambientais investigados con éxito e implicando condenas foron insignificantes en comparación coas vulneracións cometidas.
Con esta acción, Verdegaia espera deixar claro que o principio de “quen contamina paga” tamén debe ser certo no ámbito penal.
Trackbacks/Pingbacks