• Plataformas veciñais e ecoloxistas presentamos solicitude dunha moratoria e outras moitas demandas en Ourense para pór freo á gandaría industrial
  • Realizamos acción simbólicas diante da sede de Medio Rural para chamar a atención da gravidade da situación en comarcas como A Limia
  • Entregamos auga contaminada para pór de manifesto a contaminación da auga por nitratos que leva asociada a gandaría industrial

Verdegaia apoia a acción que o venres 15 de outubro, baixo o lema “Stop Gandaría Industrial, Moratorias Xa”, a Plataforma veciñal Auga Limpa Xa!, xunto ao Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Amigos da Terra e a Federacion Ecoloxista Galega (FEG), organizadas baixo o paraugas da Coordinadora Stop Gandería Industrial, se realiza na Xefatura Territorial de Medio Rural e no rexistro do Edificio Administrativo da Xunta en Ourense, para denunciar a proliferación de instalacións de gandaría industrial no noso país

Queremos chamar a atención sobre as desastrosas consecuencias que este modelo agroalimentar ten para contornas como A Limia e outras comarcas galegas – sobreexplotación dos acuíferos, contaminación de solos, contaminación de auga por nitratos, destrución de espazos naturais…etc. – É por isto que apostamos por pedir unha moratoria á concesión de licenzas destes proxectos industriais, polo menos até que exista un plan estratéxico que estableza a carga gandeira máxima para cada comarca e se cumpran as normativas. Xunto a unha carta coas demandas das organizacións, tamén se presentan diversas mostras de augas contaminadas polos efectos da gandaría industrial que producen un grave impacto ambiental, salientando a proliferación de toxinas no encoro das Conchas, na Baixa Limia, convertido no sumidoiro da gandería industrial limiá.

O crecemento da gandaría industrial está absolutamente descontrolado. Concédense continuamente autorizacións ambientais para a ampliación de explotacións industriais xa existentes, elevando o censo gandeiro, ou a instalación de novas explotacións, principalmente en municipios pouco poboados, aproveitándose de que nestes lugares hai pouca xente, e por tanto, pouca oposición. Máis o certo é que hai moita xente preocupada e mobilizándose nestes territorios. Isto non é unha solución ao reto demográfico, o único que fai é agravar a vulnerabilidade da poboación rural

Para as entidades convocantes, o máis grave é que os organismos competentes, que deberían velar polo interese da maioría, están a colaborar coa gran industria cárnica. Proba disto é a tramitación por parte da Consellería do Medio Rural dun novo cebadeiro industrial de 8.000 porcos en Lobaces (Trasmiras) nunha zona facilmente inundábel e que xa ten unha alta concentración de nitratos. Esta nova explotación disporá como base territorial para desfacerse dos xurros producidos (máis de 30.000 toneladas) parcelas en superficie protexida ZEPA, cousa totalmente contraditoria coa intención manifestada publicamente polo conselleiro de reducir a carga gandeira na Limia. 

Ademais de no noso país, outras organizacións coordinadas por Stop Gandería Industrial rexistraron a solicitude de moratoria en 14 localizacións más do Estado e realízanse accións similares noutros 43 lugares afectados nun fin de semana de acción pola moratoria á gandería industrial. Por outra parte, tamén se solicita unha reunión co Conselleiro do Medio Rural, para poder expor un problema que padecen centos de lugares no Estado español, esixindo solucións urxentes. Entre as demandas esiximos:

  • Unha moratoria inmediata para todos os novos proxectos de gandaría intensiva e ampliacións dos existentes empezando por paralizar a tramitación da explotación de 8.000 porcos que se pretende implantar en Trasmiras
  • Que se controlen con dispositivos GPS os camións-cisternas que se adican a ciscar os xurros da gandería industrial
  • Que se declare a bacía do Limia como augas afectadas por contaminación de nitratos
  • Que se implante un código de boas prácticas agrarias de obrigado cumprimento
  • Que se reduza a carga gandeira
  • Que se realice un estudo epidemiolóxico para determinar as afeccións para a saúde 
  • Que se emprenda a ampliación da rede de estacións de control para determinar a contaminación por nitratos e microorganismos fecais e se realice unha supervisión e inspección eficaz por parte da administración 
  • Que se elabore un Plano de Desenvolvemento Rural Sustentábel tanto para a ZEPA da Limia (6.939,2 ha) como para a súa zona periférica de protección (7.558,6 ha)
  • Que se promova a recuperación da gandaría extensiva
  • Que se desenvolvan plans de recuperación e conservación para especies e hábitats 
  • Que se avance na protección real das veigas que contan con figuras de protección da natureza e se declaren espazos protexidos aquelas que non contan con estas figuras de protección
Fin de semana de accións contra a gandaría industrial 15-17 outubro