Verdegaia quere aclarar as malas interpretacións xornalísticas realizadas por varios medios de comunicacón a raíz do envío dunha nota de prensa por varios colectivos ecoloxistas e naturalistas galegos, entre os que está esta asociación, referida á carreira de trail celebrada este pasado domingo no L.I.C. e Monumento Natural de Dexo, Oleiros. Nesa nota denunciábase a situación alegal da carreira e as ameazas que sufriría a colonia de aves mariñas da costa de Dexo de levarse a cabo nos termos nos que se plantexaba por parte das dúas asociacións de montañeiros organizadoras do evento: sen permiso pese a percorrer un espazo protexido, pasando a poucos metros de niños de especies catalogadas a nivel estatal e autonómico,… Finalmente, os organizadores accederon a modificar o trazado e obtiveron o permiso pertinente. O malentendido que se xerou entre os termos trail (modalidade de carreira a pé campo a través) e trial de motos, frase publicada por varios medios, non partiu dos colectivos asinantes senón dalgúns medios de comunicación.

Dende a nosa asociación tamén valoramos moi negativamente a actitude da Consellaría de Medio Rural e en concreto a da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e a da Delegación Provincial de A Coruña por mor da nota de prensa ridiculizante que esta administración emitiu o pasado venres. Neste comunicado argumentábase que “na denuncia aos medios os grupos ecoloxistas confundiron o termo ‘trail’ (modalidade de carreira a pé campo a través ) con ‘trial’ (carreira de motos)” feito que é rotundamente falso e que a propia administración coñecía xa que con persoal da mesma mantivéronse conversas telefónicas e mesmo se enviou unha denuncia escrita dende unha das asociacións que nos unimos nesta loita. Esto só ten o sentido de que a administración quiso ridiculizar ó movemento ecoloxista e naturalista galego unha vez máis.

Ademais, na nota arguméntase que dende os grupos ecoloxistas non se tivo interese en asistir á xuntanza que se celebrou a dúas partes entre administración e organizadores “tentando, sen éxito, poñerse en contacto cos grupos ecoloxistas denunciantes para que asistiran a esta xuntanza.” feito que volta ser rotundamente mentira dado que os teléfonos que tiña a administración ó seu alcance para contactar cos colectivos ecoloxistas e naturalistas non foron empregados; de feito, o sábado á mañá houbo outra xuntanza de membros destos grupos cos organizadores.

E xa por último comentar a indecencia da administración en realizar as correccións do trazado da carreira propostas por unha das organizacións ecoloxistas sen citala e “colgándose a medalla” de telo feito ela.

Dende Verdegaia pensamos que este caso pon unha vez máis en evidencia a urxente necesidade dunha ordeación, xestión e regulación de usos nos espazos naturais protexidos galegos, que permita compatibilizar a conservación e posta en valor dos seus valores co su uso público e o desenrolo sostibe da poboación local. Cómpre lembrar que o 31-12-2010 rematou o prazo de seis anos dado a Galicia pola UE para que esta aprobase os planos e órganos de xestión dos espazos incluídos na Rede Natura 2000 en Galicia pese ó que a nosa administración, crítica e ridiculizante cos que nos preocupamos por salvagardar os nosos valores naturais, non está a cumplir coa súa obriga. E é necesario non esquecer que a UE tamén ameazou á nosa Comunidade Autómnoma cunha importante sanción económica de non cumplir coas súas obrigas referidas á debida conservación dos espazos protexidos baixo a Rede natura 2000 en Galicia.