Verdegaia quere manifestar o seu rexeitamento ás obras de construción dun paseo fluvial nas marxes do Rio Sor, denominado “Rota de Sendeirismo Riveira do Vispo – Ambosores”, promovido polo Concello de Mañón e co beneplácito da Xunta de Galicia. Tras visitar a zona afectada, constatamos a apertura dun camiño con maquinaria na beira do rio, de 800 m de lonxitude, efectuándose diversos desmontes e esplanacións do terreo a través do bosque de ribeira, talándose algunhas árbores e afectando incluso ao patrimonio etnográfico da zona. 

nda que o obxectivo do proxecto é a construción dunha senda peonil que continúe a que xa existe no tramo inferior do río (treito Ponte Segade – Riveira do Vispo), en realidade estase a facer un vial que non se corresponde co que debería ser unha senda para camiñantes. Na nosa opinión, deberíase respectar o carreiro de pescadores xa existente, facendo os desbroces necesarios para o seu mantemento, en vez de construir un novo camiño de varios metros de ancho que, ademais de degradar a vegetación ripícola, facilitará o acceso de vehículos motorizados como quads, motos de cross, etc., tal e como xa está acontecendo co tramo citado anteriormente.

Ademais, o proxecto non conta co preceptivo Estudo de Impacto Ambiental, trámite que, dacordo co Regulamento de Augas, non se pode obviar cando o impacto é evidente. De feito, as obras están afectando a un hábitat natural de interese prioritario, dacordo coa Directiva 92/43/CEE, como é a fraga de ribeira. O Río Sor e as suas fragas están propostos pola Xunta de Galicia para ampliar a Rede Natura, razón de máis para que non se leve a cabo o paseo fluvial.

Dado que o proxecto non conta co preceptivo Estudo de Impacto Ambiental, descoñécese que outros impactos negativos pode ter a construción do paseo fluvial sobre outros hábitats e outras comunidades vexetais de interese afíns ao ecosistema fluvial. De feito, a apertura do camiño pode supoñer unha via de entrada para especies vexetais exóticas invasoras como acacias e eucaliptos, que alterarían o ecosistema, tal e como está a suceder noutros treitos do río onde se abriron pistas forestais.

Tendo en conta a relevancia ecolóxica e paisaxística do Río Sor e as súas fragas, desde Verdegaia esiximos á Xunta de Galicia e ao Concello de Mañón a paralización inmediata das obras e a revisión en profundidade do proxecto.