Verdegaia solicitou ás Consellerías de Medio Ambiente e de Industria que non permitan a construción do parque eólico Pena Redonda, por se situar na Serra do Eixe,  que forma parte do macizo de Pena Trevinca. A construción dun parque eólico nunha zona que debería formar parte do futuro Parque Natural de Pena Trevinca, no sureste da provincia de Ourense, é ambientalmente inaceptable. Esta ameaza para a conservación dunha das principais áreas de montaña da Península pon de manifesto tanto a debilidade da política autonómica de conservación da natureza como as carencias ambientais da política eólica.

A Serra do Eixe é de grande importancia para a conservación de diversas especies ameazadas, moi especialmente para a águia real (Aquila chrysaetos), ave en perigo de extinción en Galicia. Estímase que na Serra do Eixe nidificarían 3 ou 4 das como moito 10 parellas de águia real que o farían en Galicia e áreas próximas. O propio estudo de impacto ambiental presentado pola empresa promotora do parque, Hidroeléctrica Galaico Portuguesa, S.A, recoñece implicitamente o perigo inasumible que representaría o parque eólico para a sobrevivencia da águia real, ao afirmar que podería morrer cada ano por colisión cos aeroxeradores un individuo desta especie.

A conservación das fermosas paisaxes e da rica fauna e flora do macizo de Pena Trevinca resulta claramente incompatible coa construción do parque eólico Pena Redonda que, ademais da instalación de 7 grandes aeroxeradores, conlevaría a apertura de varios quilómetros de novas pistas e a construción dunha subestación transformadora e de tendidos eléctricos para evacuar a electricidade xerada.

A ameaza ambiental que representa o parque eólico Pena Redonda é un sinal de alerta sobre a necesidade de ampliar canto antes a Rede Natura 2000 e de non atrasar máis a creación do Parque Natural de Pena Trevinca, compromisos asumidos pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para esta lexislatura e aínda pendentes. O novo Parque Natural debería evitar que proxectos como este nin tan sequera cheguen a se tramitar, promovendo a conservación da natureza e a mellora das condicións de vida da xente que aínda vive nesta zona de montaña. Desde o ano 2002, non se declarou ningún parque natural no noso país.

O parque eólico Pena Redonda foi admitido a trámite pola Consellería de Innovación e Industria ao abeiro da convocatoria de potencia eólica do ano 2006, o mesmo que o que afecta á serra da Groba (Val Miñor), outro espazo de elevado valor ambiental. O novo decreto que regula a enerxía eólica, aprobado polo Consello da Xunta en decembro pasado, permitiría novamente a súa tramitación, xa que tan só exclúe as zonas que forman parte da Rede Natura 2000, mais non outras áreas de alto valor ecolóxico. O cal evidencia que o novo decreto eólico non garante a conservación da biodiversidade e o respecto á paisaxe.

Máis información:

O novo decreto autonómico de aproveitamento da enerxía eólica non garante o respecto da natureza