Ecologistas en Acción solicita que se comece a concretar unha reestruturación pesqueira perante a situación de sobreexplotación da maior parte dos caladoiros e  perante a crise enerxética que vivimos.

Ecologistas en Acción denuncia que a tendencia que foron marcando as últimas reconversións pesqueiras no Estado español, significaron un aumento na capacidade de pesca dos buques, a sobreexplotación dos caladoiros e a dependencia dos armadores do prezo do combustible, o que está sumindo a frota española e comunitaria nunha profunda crise, xa que os armadores deben obter un volume de capturas maior para rendabilizaren a súa actividade, o que está acentuando os problemas de rexeneración dos  recursos pesqueiros.

As  últimas reconversións pesqueiras víronse condicionadas pola integración de España na Unión Europea e potenciaban unha actividade sobreexplotadora dos recursos pesqueiros, pouco xeradora de emprego e cara para o estado face ás prácticas de menor impacto ambiental e que máis emprego xeraban.

A UE é a terceira potencia pesqueira no mundo e o mercado máis importante de produtos transformados e acuícolas. O valor da cadea de produción no seu conxunto, incluíndo, xa que logo, a pesca, a acuicultura, a transformación e a comercialización, atinxe aproximadamente os 20.000 millóns de euros, é dicir, un 0,28% do PIB da UE.

España conta coa segunda frota máis importante dentro da UE canto a número de barcos, con perto dun 29% do arqueo total da UE, malia que o 75% dos buques teñan menos de 12 metros de eslora. Alén diso, dispón dunha das maiores capacidades de pesca da UE, xa que representa o 29% da tonelaxe e o 18% da potencia.

Ecologistas en Acción, considera urxente, pola  trascendencia socioecolóxica e económica, mudar o modelo pesqueiro actual, e propón unha serie de medidas de urxente desenvolvemento:

1.O desenvolvemento dunha Rede de Áreas Mariñas Protexidas (AMP)e Reservas Pesqueiras que permita a recuperación dos caladoiros.

2.Que co desenvolvemento destas áreas se invista no coñecemento dos ecosistemas sobre os que se actúa.

3.O incentivo ao desenvolvemento de cooperativas pesqueiras creadas arredor das reservas e zonas de pesca.

4.Que estas cooperativas xoguen un papel intrínseco na xestión destas reservas.

5.Apostar pola pesca artesanal de baixo impacto sobre o medio e de grande coñecemento ecolóxico.

6.Desbotar artes de grande capacidade destrutora e con alta porcentaxe en descartes como o arrastre de fondo ou a draga hidráulica marisqueira.

7.Planificar un plano de eficiencia enerxética que permita diminuír a dependencia de combustible da frota e reconverter as artes con maiores necesidades de consumo de combustible a outras artes de menores necesidades.