Na actual situación de crise climática, na que a xestión de residuos desempeña un importante papel porque coa reutilización e a reciclaxe de materiais conséguese un substancial aforro de materiais e enerxía, entendemos que é preciso cuestionar o xeito no que se organizan as campañas electorais porque supoñen un importante impacto ambiental pola cantidade de residuos que xeran.
Deste modo, no inicio da campaña electoral colocamos dúas simples cuestións aos partidos políticos:
– A elección dos materiais empregados polo seu partido na presente campaña electoral tivo en conta a posibilidade de optar por materiais reciclábeis?
– Que medidas teñen pensado tomar para a xestión dos materiais empregados, unha vez rematado o proceso electoral?
Ata o momento, nos correos recibidos en resposta ao noso envío, só se fai acuse de recibo do noso, pero sen dar resposta ás cuestións propostas.
Esta forma de realizar campaña ten un claro exemplo no envío masivo de propaganda aos domicilios.
Dende hai algúns anos os electores podemos solicitar non recibir propaganda electoral no noso domicilio preenchendo un simple cuestionario na páxina do censo electoral. Máis de medio millón de persoas en toda España escolleron esa opción nas últimas eleccións estatais.
Porén, moitas delas seguiron recibindo a propaganda pois foron varios os partidos que optaron por esquivala, enviando a publicidade sen o nome da persoa destinataria, dirixíndoa simplemente a “Electores residentes no domicilio”. Atoparon, así, unha porta de atrás pola que seguir enviando o seu material de campaña.
Queremos que se respecte a decisión de cada persoa, polo que instamos ás autoridades a establecer as medidas necesarias para que a decisión de non recibir propaganda postal sexa respectada por tódolos partidos.
Deste modo e para que as vindeiras campañas sexan máis sustentables e con menos lixo electoral, propoñemos unha serie de simples medidas aos partidos políticos:
- Redución do material utilizado como propaganda electoral.
- Non realizar envíos masivos de propaganda aos domicilios e respectar a decisión daquelas persoas que optaron por non recibir propaganda electoral.
- Utilización de material reutilizable, ou reciclable e biodegradable, que non conteña substancias tóxicas ou nocivas para a saúde e o medio ambiente.
- Prescindir do uso de plásticos, ou utilizar plásticos biodegradables;
- Uso de tintas con base de auga ou biodegradables.
- Xestión axeitada dos residuos mediante a separación dos materiais empregados nos cartaces pegados (papel) ou nos cartaces colgados (lona, madeira, corda, bridas) para que poidan ser debidamente reciclados, ou, se fose posible, reutilizados.