Verdegaia-Vigo organizará un roteiro pola Serra do Galiñeiro o vindeiro domingo día 29 de xuño para celebrar a organización continuada de roteiros mensuais pola comarca de Vigo durante os últimos dous anos. Neste tempo puidemos visitar diferentes enclaves naturais da comarca e arredores coma a Enseada de San Simón, a Serra da Groba, a costa de Nigrán, as dunas de Barra e Nerga, o Esteiro do Miño, as Ribeiras do Louro… celebrando camiñatas para divulgar e coñecer mellor os valores naturais e as desfeitas ambientais que albergan estos lugares. De agora en diante, a periodicidade destes roteiros será cada dous meses.
Ademais, dende a nosa asociación queremos festexar este segundo aniversario na Serra do Galiñeiro xa que, ademais, a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a pretende incluír no Parque Natural do Monte Aloia grazas a unha alegación apresentada por Verdegaia ó P.R.U.X. deste Parque Natural que se baseou na grande cantidade de valores naturais, xeolóxicos e arquoléxico-etnográficos que alberga este enclave do sur galego que actualmente non conta con ningunha figura de protección.
O itinerario previsto é o seguinte: sairemos do I.E.S. Santa Irene (Praza de América s/n) ás 11:00 h. para coller o autobús urbano que nos levará ate o Campus da Universidade de Vigo; logo e xa a pé iremos a Zamáns, Vilaverde, Casal de Abade, Loma da zorra, Cumio do Galiñeiro, cova da Becha, e ó Encoro de Zamáns. A volta ó lugar de partida realizarase tamén en autobús urbano e a media tarde.
Entre os valores naturais que alberga a Serra do Galiñeiro salientan a presenza nas partes máis elevadas de especies vexetais orófilas e de comunidades rupícolas con abundantes endemismos, a existencia de zonas de breixeiras húmidas sobre depósitos de turba, de brañas e turbeiras con presenza de especies de interese, e de diferentes tipos de matogueiras (oromediterránea,…). Ademais, destaca a presenza de diversas poboacións de aves de grande interese como o merlo azul, a azulenta papuda, o pedreiro cincento, e a existencia de poboacións de anfibios ameazados e endémicos como a saramaganta ou a ra patilonga.
Esta serra, ademais, alberga unha grande riqueza xeolóxica cunha ampla gama de minerais e formacións xeolóxicas de interese (cavidades graníticas,…), e unha chea de valores arqueolóxico-etnográficos como o panel de armas de "Auga da Laxe" de características únicas no continente europeo ou os campos de mámoas presentes na zona.
O percorrido é de dificuldade baixa e realizarase coa axuda dun guía da asociación que dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos que se irán observando ao longo da xornada.
O roteiro durará o día enteiro polo que cómpre levar comida, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuito para todas e todos.
Esta actividade organízase en transporte público colectivo para non empregar o vehículo privado e así non contribuír ao avanzo do cambio climático.