A Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Amigos da Terra presentaron o documento "Propostas para unha xestión preventiva e sostíbel dos residuos sólidos urbanos en Galicia". Verdegaia participou na súa elaboración como asociación integrante da FEG.
Este informe xorde co obxectivo de ofrecer ao novo goberno galego unha serie de propostas concretas e imprescindíbeis para implantar unha axeitada xestión dos residuos sólidos urbanos no noso país.
Ante as recentes declaracións do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, de afrontar o incremento no volume de residuos galegos a través do aumento da incineración e da reciclaxe, a FEG e Amigos da Terra manifestan a súa preocupación e alertan de que estas políticas afondan nos erros do pasado. Por este motivo, presentouse este informe de propostas dirixidas á Consellería de Medio Ambiente, co obxectivo de que sexan tidas en conta e incorporadas ás políticas galegas de xestión dos residuos.
Neste informe desenvólvense achegas e propostas para un modelo sostíbel da xestión dos residuos no noso país. Estas propostas, que o goberno galego debería considerar para a elaboración do novo plan de residuos, están centradas en 5 puntos básicos:
- Participación real e efectiva da cidadanía
- Apoio da Redución e Reutilización
- Novo esquema de recolla selectiva húmido-seco (vidro, papel, materia orgánica fermentábel, resto)
- Tratamento da materia orgánica
- Descentralización
Descarga aquí as propostas:
Propostas para unha xestión sostíbel e preventiva dos residuos sólidos urbanos