CorcoestoVerdegaia examinou o proxecto mineiro de Corcoesto, descubrindo gran cantidade de irregularidades no mesmo. Nas alegacións facemos referencia, entre outras moitas cousas, aos impactos que a mina podería ter sobre hábitats e especies; ao nivel de contaminación dos estériles, algúns deles con niveis de arsénico moi superiores ao límite permitido; ao aumento de emisións do gas canceríxeno radon como consecuencia da explotación; á falta de adecuación do estudo arqueolóxico, que está obsoleto; á falta de rigor dos cálculos de estabilidade da balsa de lodos tóxicos, baseada nunha normativa pensada para obra civil, pero non aplicable a construcións xeolóxicas como é o caso dunha balsa de estériles de mina; ás eivas da viabilidade económica do proxecto; á falta de adecuación ao Planeamento urbanístico dos distintos concellos afectados; ás repercusións das voaduras sobre a poboación en xeral e as vivendas máis próximas en particular; á falta de rigor do plano de restauración; e, principalmente, á súa declaración como proxecto industrial estratéxico .

A empresa, pretendía acollerse a unha lei recentemente estreada pola Xunta (que aínda non conta cun regulamento de aplicación) para axilizar os trámites dos proxectos industriais estratéxicos. Isto permitiría tramitar conxuntamente varios trámites administrativos como o estudo de impacto ambiental e o plano de restauración, saltar por riba da lexislación urbanística dos concellos afectados, expropiar as fincas afectadas sen máis trámite, e outras prerrogativas. Porén, son moitos os motivos polos este proxecto non cumpre os requisitos que a lei marca para ser considerado proxecto estratéxico:

  • non crea os 250 postos de traballo directos que a lexislación establece, xa que moitos dos que se recollen no proxecto son subcontratas, non postos directos, a maioría son temporais e non se contemplan os postos que o proxecto podería destruír

  • nin sequera dos postos de traballo directos se fai unha xustificación adecuada, limitándose a empresa a expoñer unha relación de postos de traballo sen máis

  • o volume de investimento non se detalla co nivel de concreción requirido na lei

  • non hai ningún investimento relacionado coa actividade mineira que teña un impacto positivo ou supoña unha mellora da dotación futura da zona, polo tanto, non se pode deducir en absoluto que haxa unha incidencia significativa dos investimentos no tecido industrial galego a efectos da declaración como proxecto industrial estratéxico

  • en contra do recollido no proxecto, de ser declarado estratéxico non habería un impacto beneficioso sobre a economía dos concellos da zona debido á xeración de ingresos públicos por cotizacións sociais, taxas e impostos; xa que as exencións tributarias e as subvencións das que gozan os proxectos estratéxicos anularían dito efecto beneficioso, podendo incluso chegar a resultar un balanzo negativo para as arcas públicas

  • a tecnoloxía empregada no proxecto (lixiviación do ouro mediante cianuro) foi prohibida en varios países polas súas graves repercusións sobre o medio, e mesmo o Parlamento Europeo aprobou unha resolución instando aos países da Unión Europea a prohibila, alertando dos riscos que dela se derivan. Non se pode, por tanto, apelar á “importancia da tecnoloxía”, que require a lei para a declaración de estratéxico.

  • os documentos a exposición pública non valoran os impactos negativos do proxecto sobre a economía: perda de valor patrimonial das vivendas e os terreos; uso competitivo da auga, en detrimento do consumo humano, animal, e agrícola; perda de calidade de vida derivada da contaminación acústica; efectos negativos para a actividade turística; posibles impactos sobre Rede Natura…Todos estes efectos económicos deberían ser contabilizados como contravalor no calculo dos efectos da actividade sobre a economía local e comarcal.

Por todos estes motivos, desde Verdegaia solicitamos da Administración que, en cumprimento da lexislación, se denegue a consideración de estratéxico a este proxecto.

Parécenos ademais gravísimo que na Memoria posta a exposición pública non apareza referencia algunha á constitución dunha cobertura de seguros para accidentes graves ou garantías financeiras para a restauración do medio, e consideramos que sería unha neglixencia da Administración dar luz verde a un proxecto con estas características, xa que podería supoñer unha ameaza permanente no tempo.

Para a confección das alegacións contamos coa participación de gran número de persoas que dende distintos ámbitos do saber fixeron as súas achegas. Vaia aquí o noso agradecemento e recoñecemento a todas elas.

As alegacións presentadas pódense descargar en: http://ir.gl/alegacionscorcoesto

Alegación Xenerica Mina Corcoesto