bueuVerdegaia vén de presentar alegacións ó PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) de Bueu, redactadas polo colectivo ecoloxista LUITA VERDE.

 

Animamos a todo o mundo a tomalas como exemplo e presentalas se así o desexa.

 

A continuación pegamos o contido de ditas alegacións.

 

 

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE BUEU

Casa do Concello de Bueu,

Rúa Eduardo Vincenti, 8, 36930, BUEU (Pontevedra)

 

 

D./Dna. Xxxxxxxxx con DNI xxxxxx con enderezo en xxxxxxxxxx en nome e representación da Asociación Ecoloxista Verdegaia con CIF G-70060363 e estando a exposición pública o PXOM de Bueu formula as seguintes ALEGACIÓNS;

 

 

1) O PXOM non está proxectado para o municipio senón para dar servizo metropolitano como “suburbio” á “rexión urbana Vigo-Pontevedra”, baseado na “segunda vivenda”, no turismo estacional estival e no sector terciario da economía a nivel turístico e náutico-deportivo, cando este modelo insustentable de desenvolvemento e especulación está dentro dos principais responsables da actual crise económica a nivel estatal e autonómico e unha enorme e insustentable presión urbanística e ambiental para a contorna natural terrestre e marítima das rías, e tamén a nivel social, cultural e socioeconómico derivado dos seus recursos naturais.

 

2) Proxecta unha capacidade máxima de 3.192 vivendas en todo o municipio entre o 2015 e o 2031 cando, polo contrario, o crecemento vexetativo de poboación residente está ser negativo dende o ano 1991 cun -0,06% anual de media. É o doble de edificabilidade que xa se especulaba en 2010 na fase de avance do Documento de Inicio. Non se corresponde o incremento do parque de vivendas construído dende o ano 1991 e o 2008 co descenso demográfico producido en análogo intervalo de tempo, e asi mesmo non se procedeu a cuantificar a cantidade de vivendas baleiras e desocupadas na actualidade. A previsión de pasar aos/as 14.058 residentes no 2031 non deixa de ser outra especulación.

 

3) A planificación de 1029 vivendas do total en núcleos rurais, suporía a súa saturación e a súa práctica desaparición, ademais do grave impacto paisaxístico e ambiental e sería unha forma máis de urbanización dispersa do territorio e a suma de espazos urbanizables en solo urbano consolidado, solo urbano non consolidado, solo urbanizable delimitado, solo urbanizable diferible, onde a capacidade do modelo urbano proposto polo Plan Xeral ascende a 2.163 vivendas, conformaría unha urbanización continuada dende a parroquia de Beluso até a de Cela, pasando polo centro do municipio, modificando totalmente a fisonomía natural e os asentamentos tradicionais do municipio.

 

4) Planifica como urbanizable a parte final do río Bispo e a súa correspondente área de ribeira, entre as zonas de O valado e A Graña até a Avda. Montero Ríos, afectando a área ordeada como protección de corredor ecolóxico no Plan de Ordenación Litoral de Galicia (POL) e Área de Risco Potencial Significativo de Inundación e Área de Risco Potencial Significativo de Inundación en Zonas Costeiras de Bueu, ampliando o risco que xa posúe todo o centro da vila, construído enriba ou próximo á ribeira do mar, do que hai que ter moi en conta para o futuro a subida global do nivel do mar nos océanos produto da mudanza climática.

 

5) Os 280.000 m2 de zonas verdes proxectadas para todo o municipio non son reais senón inchados a costa da integración de áreas naturais como as dos regos da Pena e Bispo en solo rústico de especial protección de augas, do Monte Grande en solo rústico de protección de costas, do Alto da Esculca en solo rústico de protección forestal e paisaxística, e dende o aparcamento ata o monte do Castro dentro do espazo natural protexido do LIC de Cabo Udra.

 

6) A área que se ordena como Sistema Xeral Portuario arredor do porto pesqueiro do centro da vila invade a área natural correspondente á praia de Pescadoira onde se debería rexeitar o proxecto de ampliación do porto de Bueu para usos náutico-deportivos polos negativos impactos na dinámica litoral que suporían o peche, eutrofización, contaminación das augas para o baño, morte biolóxica e perda definitiva do areeiro, e solicitar a Portos de Galicia a desafectación da praia.

 

7) Onde se proxecta ampliar o parque empresarial municipal existente en Castiñeiras, non se cuantifica e especifica a ocupación e viabilidade das naves industriais actualmente existentes, nin se cuantifica a cantidade de naves industriais a instalar e estase a condicionar a nivel ambiental a conca do nacemento do rego Bispo, a base do monte Borrallido e a existencia de varios xacementos arqueolóxicos. A proxección industrial debería estar en función primeiro da ocupación total do polígono existente, e o resto da oferta, no caso de ser necesaria, se adapte á demanda real apostando por áreas municipais máis pequenas fóra de espazos naturais e protexidos e cun menor impacto no medio, rexeitando asi mesmo o proxecto do Parque Empresarial e Industrial do Morrazo (PEIM) por sobreexceder a demanda de solo empresarial e o seu enorme e irreversible impacto nos montes de Aldán e Beluso na conca de nacemento do rego Orxas.

 

8) Proxéctase unha nova conexión por estrada entre a estrada vella que sube do Valado á Portela e a PO-315 á altura do Castrillón, invadindo o leito e área de ribeira do dominio público hidráulico do rego Bispo, afectando de cheo a hábitat natural prioritario de bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior e área de corredor ecolóxico contemplada no POL, cun enorme impacto ambiental e paisaxístico máis o económico engadido, que diseñado como conexión do parque empresarial coa vila e o seu porto, o máis lóxico é que a conexión siga polo corredor de alta capacidade do Morrazo e a súa conexión coa PO-315 na Portela.

 

9) Debería rexeitarse o proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo e en vez de nuclearizar as conexións viarias do municipio co corredor habería que descentralizalas ao servizo de todo o municipio coa mellora, potenciación e ampliación de liñas de autobuses e microbuses de enlace coas parroquias e cos concellos da comarca a traveso da mellora, vertebración e humanización das estradas locais existentes, construcción de carrís bici por toda a rede viaria, a mellora e economización das liñas de autobuses con Vigo e Pontevedra apostando ademais polo transporte intermodal, mantendo e diversificando as liñas co transporte marítimo na ría de Vigo e prevendo unha futurible co transporte ferroviario de proximidades, e a construcción de infraestruturas municipais e comarcais a nivel social, cultural, deportivo, educativo, sanitario, que fagan que a poboación local reduza a dependencia do automóbil privado e mesmo non teña que desplazarse por estrada até as cidades da contorna.

 

10) Habería que completala rede de saneamento de augas residuais e de abastecemento de auga potable en base ás carencias actuais e non á especulativa a nivel edificatorio e demográfico exposta na elaboración deste PXOM, utilizando os mananciais existentes a nivel local e aplicando as debidas medidas de aforro e eficiencia, tendo en conta o proceso de quentamento global do clima e prevendo o conseguinte déficit hídrico cara ao futuro e rexeitando transportar máis auga da conca ecolóxica e hidrográfica do rego Lérez nas Terras de Pontevedra pola carestía, perda cuantitativa e cualitativa de auga e polo impacto no territorio e en orixe.

 

11) No apartado de contaminación electromagnética (transformadores e cableado eléctrico, antenas de telefonía móbil, redes WIFI), as infraestruturas deberían estar reguladas no principio de precaución e en medicións de corrección de impacto máis severas, xa que a lexislación estatal que se está aplicar está moi por enriba dos límites de exposición que está a recomendar a UE e de distintos estudos científicos independentes a nivel mundial, solicitando asi mesmo a retirada das áreas de localización preferente nas que se prevea a posíbel localización de infraestruturas dentro de espazos naturais protexidos ou a protexer e os probables efectos contra do medio ambiente e a saúde humana. Debería levarse a cabo medidas de aforro e a eficiencia enerxética, comezando polo apagamento de luz pública até o solpor.

 

12) En cumprimento da lexislación de montes debería aprobarse o correspondente e actualmente inexistente planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, e ao mesmo tempo programar un plan de erradicación de especies alóctonas, pirófitas e invasoras nas franxas de seguridade perto dos núcleos de poboación.

 

13) No apartado de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) debería contemplarse as medidas de arranxo e a posta en funcionamento da planta de compostaxe dentro do complexo medioambiental da Mancomunidade de Concellos do Morrazo ubicada na Portela, un novo punto limpo ubicado no concello de Bueu e a posta na práctica a nivel comarcal dun plan baseado no modelo dos 3R (Reducción, Reutilización e Reciclaxe), desligándose do actual contrato con SOGAMA e a despilfarradora e contaminante incineración.

 

14) En base ao negativo impacto que produciría a ubicación alternativa de tres aeroxeradores nas áreas naturais de Chans de Ermelo e Monte da Paralaia máis outro no Monte do Grilo, debería rexeitarse e solicitar á Consellaría de Industria a retirada da Área de Desenvolvemento Eólico (ADE) do Morrazo e dentro dela as áreas naturais citadas no concello de Bueu e dentro do espazo natural da Carballeira de Coiro, onde non están autorizados os usos industriais, optando como alternativa polo apoio e incentivación á instalación de panales solares e aeroxeradores pequenos perto dos núcleos de poboación, favorecendo cun menor impacto a autoxestión libre de monopolios empresariais.

 

15) En base á importancia dos seus valores paisaxísticos, ambientais e culturais debería catalogarse como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) as áreas naturais de Marco da Portela, Niño do Corvo, Outeiro Grande, Pedra da Edra, Esperón, Fonte das Augas, Chans de Ermelo, Monte Paralaia e Espiñeiro Branco pertencentes ao espazo natural da Carballeira de Coiro. As áreas naturais de Coto de Reboiro, Chans de Cela, Chans Maiores, Alto da Telleira, Costa Grande, As Centeiras, Borras, Porteliña, Rio Vello, Fontefría, Monte do Grilo, Chan das Botas e Parabúa, pertencentes aos montes da parroquia de Cela. E a franxa de costa que vai dende a praia de Mourisca até a praia de Beluso.

 

  1. Que o concello de Bueu dentro das súas plenas competencias e en conxunto co Ministerio e coa Consellería de Medio Ambiente procedan a aprobar de xeito protector e sustentable o inexistente Plan Rector de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e que o LIC de Cabo Udra, sexa debidamente ordenado e regulado para pasar a ser considerado Zona de Especial Conservación (ZEC).

 

Polo alegado,

 

SOLICITA:

A alternativa 0 e a redacción dun novo planeamento urbanístico baseado no decrecemento, no transporte colectivo, comarcal e de proximidades, no aforro e eficiencia hídrica e enerxética, na consecución de servizos adaptados ao nivel de demografía e urbanización actuais, no principio dos 3R, na reciclaxe e a compostaxe dos RSU, no principio de precaución de contaminación electromagnética, na autosuficiencia alimentaria, e na protección real e efectiva dos espazos naturais e do seu patrimonio cultural, máis na ordenación sustentable dos seus recursos e dos seus usos, poñéndoos en valor, potenciándoos e diversificándoos baseándose no respeto e armonización co medio e a súa biodiversidade, tanto terrestre como marítima.

 

Bueu, 18 de novembro de 2013

 

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE BUEU

    Asdo:

     

     

     

    xxxxxxxxxxxxx