banderas_negras_2011.jpgEcoloxistas en Acción presentou o informe "Banderas Negras 2011. Esto es una barbaridad", no que se realiza unha análise das causas primordiais da degradación das costas españolas e se identifican os principais lugares desa deterioración. A destrución das costas españolas ten como referencias esenciais a colmatación urbanística, as verteduras orgánicas e industriais, os portos e as obras en costas e rexeneracións de praias. Verdegaia colaborou na elaboración da parte do informe referida a Galicia.

Verdegaia e Ecoloxistas en Acción chaman a atención no informe "Bandeiras Negras 2011" sobre algunhas das principais agresións locais á costa galega, que está lonxe de gozar dunha protección efectiva:

-Crecemento urbanístico na costa de Fisterra (Costa da Morte) e de Barreiros (A Mariña).

-Centro comercial "A Laxe" no Porto de Vigo.

-Verteduras de augas residuais ás rías de Vigo (depuradora do Lagares) e do Burgo.

-Contaminación da ría de Pontevedra polo complexo industrial ENCE-ELNOSA.

-Recheos ilegais no porto de Marín.

-Porto exterior de A Coruña.

-Diversos proxectos de "rexeneración e mellora ambiental" da Demarcación de Costas do Ministerio de Medio Ambiente e do Medio Rural e Mariño, como os das praias do Orzán e Riazor (A Coruña) e de Barraña (Boiro).

A deterioración do litoral español non cesa

Ecoloxistas en Acción destaca na edición do "Bandeiras Negras" deste ano as carencias en materia de depuración de augas residuais, o que levou recentemente ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea a condenar ao Estado español pola vertedura das augas residuais de 38 áreas urbanas de máis de 15.000 habitantes, entre elas as de A Coruña, Vigo, Santiago, Baiona, Tui, Cariño e Ribeira. O boom inmobiliario foi outro factor primordial para a degradación da costa propiciando grandes complexos urbanísticos, orientados ao uso e desfrute duns poucos, non tendo en conta as necesidades da cidadanía en canto ao acceso a unha vivenda, destacando as bandeiras negras outorgadas ás costas de Marbella e Fuengirola como os casos de maior transformación e degradación por urbanismo no litoral español.

Ecoloxistas en Acción tamén denuncia no seu informe casos de grande relevancia ambiental relacionados co "bunkering" e as verteduras industriais, salientando a Bandeira Negra concedida á ría de Huelva como o lugar máis contaminado industrialmente.

Outra ollada crítica mereceu a Dirección Xeral da Sostibilidade da Costa e o Mar, do Ministerio de Medio Ambiente e do Medio Rural e Mariño, debido a unha "total falta de sensibilidade ambiental e á súa incapacidade para ter unha planificación estratéxica, o que lle fixo incorrer en investimentos de azulexado da costa por un valor de máis de 170 millóns", lembra Jorge Sáez, responsable da Área Mariña de Ecoloxistas en Acción. "A maior parte do seu orzamento serviu para facer obras e máis obras, tales como paseos marítimos, recheos e rexeneracións artificiais de praias, etc., por iso, este organismo merece ser rebautizado como "Dirección Xeral de obras e cimentacións na costa". Un exemplo do anterior sería a Bandeira Negra outorgada á praia da Barceloneta, como o lugar máis transformado e consumidor de diñeiro público de toda a costa española, 60 millóns de euros nos últimos 5 anos.

Documentación:

Informe "Banderas Negras 2011. Esto es una barbaridad".

Corrección de erro:  pdf Bandeiras Negras 2011. Recheo Porto de Marín.

Prólogo do informe por Miguel A. Losada, Catedrático de Costas da Universidade de Granada.

Máis información:

Condena do Tribunal Superior de Xustiza Europeo por incumprir a Directiva de Tratamento de Augas Residuais.

Área Medio Mariño de Ecoloxistas en Acción.