O informe sobre os incendios forestais do verán do ano pasado que vén de difundir a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) non respalda a existencia de tramas nin de motivacións políticas, sociolaborais ou económicas nos lumes acontecidos na comarca de Santiago. As conclusións para o conxunto do país son similares e serán valoradas proximamente desde a área de montes de Verdegaia. O informe da Fiscalía non foi rebatido pola Xunta.
Da análise das 6 persoas detidas pola Garda Civil (GC) e pola Policía acusadas de provocaren lumes en Santiago, Ames e Teo durante a crise incendiaria de agosto de 2006, despréndese que actuaron individualmente e con diferentes motivacións, non atopándose entre elas ningunha de carácter político, económico ou sociolaboral. Esta información figura no informe sobre os incendios forestais do verán de 2006 realizado pola GC a petición da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A xuízo de Verdegaia-Compostela, o informe ofrece conclusións a ter moi en conta para se enfrontar aos lumes en Santiago e en Galicia.
Grazas á iniciativa da Fiscalía do TSXG, a cidadanía pode ter acceso por primeira vez a unha investigación oficial independente coa que poder contrastar e completar a información ofrecida desde a Xunta. O informe citado pon de manifesto que na crise incendiaria do verán pasado non se pode falar con rigor dunha nova tipoloxía de incendios ou de incendios provocados para xerar alarma social con fins políticos. O que aconteceu foi unha vaga de lumes moi intensa favorecida por unhas condicións meteorolóxicas especialmente adversas, cuxas consecuencias foron agravadas pola desorde urbanística e polo desleixo tradicional de Xunta, Concellos e propietarios á hora de garantiren franxas de protección arredor de urbanizacións, aldeas,…, e provocada por imprudentes, incendiarios e pirómanos cun perfil e unhas motivacións que non semellan diferentes ás doutros anos. Na comarca de Santiago rexistráronse 102 lumes entre o 4 e o 13 de agosto do ano pasado.
O informe da GC salienta a elevada vulnerabilidade poboacional perante os lumes nos concellos de Santiago e comarca, ao ser moi extensa a interface urbano-forestal (as zonas de contacto entre terreos forestais e zonas urbanas). De feito, e segundo o Plano autonómico de loita contra os lumes do 2006, a vulnerabilidade poboacional en Santiago é moi alta. Porén, chama a atención que o mesmo plano considerase como baixa a vulnerabilidade poboacional de Ames ou Teo, o que á vista do acontecido no ano pasado semella un erro.
Logo de ter transcorrido case un ano, alén de especulacións, ninguén achegou aínda ningunha proba que poida inducir a pensar seriamente que houbo planificación ou motivacións políticas atrás da vaga da primeira quincena de agosto. As insinuacións e acusacións neste sentido, que xa se produciron durante outras vagas de anos anteriores, aínda que con emisores e destinatarios inversos, só serviron para desviar a atención sobre as causas reais e importantes e sobre as responsabilidades políticas e sociais verdadeiras, e para xerar un clima de crispación que en nada axuda a resolver un problema moi complexo e difícil.
Incendios no contorno do aeroporto de Lavacolla e da autoestrada
As investigacións policiais desbotaron que o incendio que obrigou a pechar unha pista do aeroporto e os que provocaron cortes na autoestrada do Atlántico procurasen crear alarma social. O incendio ocorrido o 9 de agosto na parroquia de Peneira (O Pino), no mesmo día en que aterrou en Lavacolla o avión no que viaxou o presidente José Luis Zapatero para visitar Galicia con motivo da vaga de lumes, foi intencionado, mais non coa finalidade de xerar alarma social, sensación de caos e inseguridade cidadá, “xa que o incendio se iniciou nun único foco, a unha distancia bastante afastada do aeroporto (a uns 2,5 km en liña recta do perímetro do aeroporto), chegando o lume, como consecuencia do desenvolvemento e evolución do incendio, favorecido polas condicións meteorolóxicas, aproximadamente a unha distancia de medio quilómetro da cola do citado aeroporto, cuxas pistas foron afectadas polo fume”.
A GC tampouco atopou ningunha “intencionalidade nova dirixida expresamente a afectar a AP-9”. Así, os lumes que afectaron á autoestrada na zona de Padrón, ou ben non se iniciaron perto da autoestrada, ou ben foron reacendementos de incendios non totalmente apagados. Segundo o informe, “a autora dun destes incendios iniciado o día 7 de agosto, no lugar de Cortiñas, da parroquia de Herbón-Padrón, que obrigou a cortar a autoestrada AP-9 (A Coruña-Vigo) en ambos os dous sentidos e puxo en perigo varias vivendas, foi detida (…), tratándose dunha muller de 63 anos que recoñeceu a súa autoría no incendio ao prender lume para limpar unha leira”.
O informe policial non respalda a tese defendida desde a Consellería do Medio Rural da Xunta sobre a “direccionalidade” dos lumes que apareceron perto do aeroporto de Labacolla, no contorno da cidade de Santiago ou nas proximidades da autoestrada AP-9. Aínda que non fai referencia aos lumes das postrimerías das residencias oficial e privada do Presidente da Xunta, todo indica que a tese sobre a “direccionalidade” defendida desde a Xunta tampouco ten respaldo neste caso.
Artefactos incendiarios
Moitos dos artefactos incendiarios atopados en Galicia no verán pasado non pasaron de falsas alarmas logo de seren analisados por especialistas. O informe apunta que “a confusión ao respecto da natureza de artefactos ou aparatos que se relacionan como incendiarios é relativamente frecuente, mesmo na propia sede xudicial, como ocorreu nun dos incendios relatados en Santiago de Compostela, no que, nunha inspección ocular, se confundiu un resto de pneumático queimado cun posible aparato incendiario”. Tamén se refire a un suposto artefacto incendiario encontrado o 12 de setembro de 2006 no lugar da Veiga de Abaixo, en Teo, achado difundido na prensa. Finalmente resultou ser un detonador non eléctrico empregado en obras civís e canteiras, que non tivo nada que ver co inicio de ningún incendio.