Verdegaia proponche para as vacacións unha serie de medidas que todas as persoas podemos asumir para contribuír a que este mundo sexa un lugar mellor. Son uns consellos que reverten no noso beneficio e que nos axudan a deixar unha herdanza mellor ás seguintes xeracións.

  • Cando planifiques as túas vacacións, ten en conta que o máis afastado non ten porqué ser o máis interesante. Na nosa terra non só temos un grande patrimonio natural, senón que tamén temos un moi variado patrimonio cultural. Canto máis coñezamos a nosa natureza e a nosa cultura mellor as poderemos conservar e recuperar.

  • Presta especial atención ás normas dos espazos protexidos e zonas de lecer onde pases as túas vacacións, axudarás a conservalos para poder gozar deles moito máis tempo.

  • Sempre que poidas, decántate polo transporte público nos teus desprazamentos máis longos, tren e autobús; son máis seguros e sociábeis, menos estresantes e por riba non te restan puntos do carné de conducir.

  • Para os teus desprazamentos curtos usa as pernas ou a bicicleta; sentiraste mellor e o medio ambiente agradeceracho.

  • Nas túas viaxes rexeita mercar produtos que poñan en perigo a fauna e flora local: agasallos feitos de marfín, coberturas de tartarugas ou corais, así coma plantas e animais salvaxes. Que as túas compras non contribúan a rematar coa biodiversidade dunha zona. Son máis de 800 as especies de animais e plantas cuxo comercio está prohibido por lei.

  • Que os teus obxectos lembranza non leven consigo a explotación infantil.

  • Evita riscos innecesarios durante as túas vacacións coma a acampada libre en zonas inundables; bañarse en zonas perigosas, beber auga de fontes sen garantía…, ten en conta que alguén te espera despois das vacacións.

  • Non participes e denuncia as festas onde se maltraten seres vivos ou se menosprecien outras culturas. Hai moitos xeitos de pasalo ben sen o sufrimento alleo.

  • Sabías que podes aproveitar parte das túas vacacións para colaborar en proxectos sociais e ambientais no proprio país e no extranxeiro? Pide información no teu concello, delegación da Xunta ou nas distintas ONGs.

  • Que sorte ter tempo! As vacacións preséntanche unha magnífica oportunidade para mercar e comer dun xeito máis saudable. Báixate ó Mercado municipal, merca produtos frescos e de tempada, coñece os/as pequenos/as produtores/as, introdúcete en temas de produción ecolóxica, evita o exceso de embalaxe nos alimentos… En fin, aproveita para coidarte: o teu corpo tamén merece unhas vacacións.

  • Viaxar tamén é coñecer a cultura do lugar que imos visitar. Procura consumir produtos deses lugares, coñecer a súa música, literatura, os seus costumes… Facilita o intercambio cultural, un intercambio responsábel, non impoñendo o teu xeito de ver a vida, sendo ti quen se adapte a eles/as e non ó revés. Lembra que o visitante es ti.

  • Solidarízate coa zona do teu veraneo, non dilapides os seus recursos, ten especial coidado co uso da auga, e non colabores na destrución do seu contorno natural. É moi interesante reflexionar sobre porqué escolliches ese lugar para as túas vacacións e como che gustaría atopalo pasados uns anos.

  • Lumes nunca máis!: Extrema as precaucións, respecta a normativa e se te atopas con un chama ó 085.

  • Convirtámonos en ecovixías. Informemos ó Seprona ou ás autoridades locais de comportamentos medioambientalmente rexeitábeis: motos de auga preto dos bañistas, vertedoiros incontrolados, motocross… Redundará en beneficio de todos/as.

  • Deixa a túa praia, río ou piscina mellor do que a atopaches. Se todos/as facemos o mesmo o mundo será un lugar mellor.