Onte, ao serán, en vésperas da celebración da conferencia "A auga de Compostela, patrimonio dunha cidade sustentable", activistas da asociación ecoloxista Verdegaia presenciaron como se deturpaban as augas do río Sar, no senlleiro espazo das brañas da cidade. No treito entre a ponte de Sar e a Pontepedriña as augas baixaban espesas e entoldadas de cor castaña.
Presumibelmente, a maquinaria pesada de obra civil que está operando no espazo de especial protección provocou a vertedura de terras e material de construción ao leito do río sen respectar criterio algún de minimización de impactos, como se pode apreciar na fotografía que se xunta.
Como é ben sabido, as Brañas de Sar están a padecer todo tipo de agresións nos últimos anos, ainda sendo obxecto dunha especial consideración urbanística que supostamente habería recuperar, protexer e mellorar esta valiosa paraxe de vital importancia para a xestión das augas da cidade. A realidade é ben diferente, e ao desleixo que impera desde hai anos no lugar, acrecentado ultimamente, engádese que o plano especial das Brañas de Sar -en tramitación- dispón a súa edificación con centros universitarios, vías urbanas, pavillóns deportivos e outras obras que se adornarán con axardinamentos artificiais. Ao cabo será moi difícil recoñecer que ese espazo foi nalgún día unha interesante e fértil veiga que regulaba as enchentes, producía sustentabelmente o alimento de boa parte da urbe e ao tempo era o acubillo dunha variada e moi específica flora e fauna.
Paradoxalmente, as augas do Sar viraron entoldadas a véspera de presenza en Compostela de dous grandes expertos na materia: o profesor Albert Cuchí, da Politécnica de Catalunya e director-coordenador da equipa de traballo elaboradora da Estratexia Verde para Compostela que situa como eixo central do ecosistema Compostelano, precisamente estas senlleiras brañas; e o italiano Pietro Laureano, profesor de Historia da Cidade e do Territorio da universidade politécnica de Bari (Italia) que falará sobre auga como patrimonio de Compostela. Os especialistas falarán na conferencia organizada polo COAG e a concellaría do Ambiente que se celebrará hoxe ás 20:00 no CGAC.
Pietro Laureano é membro do ICOMOS, que cómpre lembrar advertiu seriamente ao concello compostelano da posibilidade de perder a condición de patrimonio da humanidade precisamente polas agresións ás Brañas de Sar, cando fora requerido para informar sobre o proxecto do teleférico á Cidade da Cultura. Para Verdegaia o plano urbanístico especial agocha realmente a mesma intención que o teleférico, urbanizar as brañas para que o complexo do monte Gaiás semelle ficar máis perto do casco urbano.
O plano especial de urbanismo para este espazo que está agora en tramitación fai unha cínica referencia na introdución da súa memoria ao seguimento das directrices da Estratexia Verde elaborada por Cuchí; mais na práctica pretende estipular todo o contrario, desprezando os sensíbeis estudos da equipa ambientalista e pondo por diante o asfalto e a barbarie da Cidade da Cultura á preservación da contorna natural e da nosa calidade de vida. Verdegaia apresentara alegacións a este documento por "saltarse" -coa connivencia da Xunta- o preceptivo procedimento de Avaliación Ambiental Estratéxica, que consideramos imprescindíbel para unha área destas características.