O vindeiro venres 18 de xaneiro, ás 20:00 na rúa do Pombal 17, Verdegaia convídavos a asistir a un faladoiro sobre minaría, residuos e territorio. Participarán Nela Abella (Verdegaia), Guillermo Botello (Enxeñería sen Fronteiras), Marcos Celeiro (O Iribio), Xaquín Rubido (Asociación pola defensa da ría de Arousa) e Alexandre Casal (Verdegaia). Poremos especial atención aos casos de Corcoesto, a fractura hidráulica (fracking) e as escouras de Ferroatlántica.cartaz web minaría

A minaría provoca graves impactos ecolóxicos. Ao impacto sobre

a paisaxe —especialmente grave na minaría a ceo aberto— hai que sumar as afeccións á auga, tanto polo enorme consumo da mesma nas explotacións mineiras como pola inevitable chegada aos cursos de auga de todo tipo de verquidos procedentes das explotacións: restos de lixiviacións, metais pesados, arsénico, cianuro, po das explosións, etcétera. Ademais, cando non desaparecen directamente, os cursos de auga vense afectados polas escavacións dos traballos mineiros, levadas a cabo moi por baixo dos niveis freáticos.

A minaría xera, por outra banda, unha enorme cantidade de residuos. No mellor dos casos, na minaría de transferencia, que vai trasladando os residuos de rochas aos ocos deixados anteriormente, a restauración que se produce ao final dos traballos é só superficial e aparente. Por debaixo da capa verde de herba, os solos quedan totalmente modificados e case sempre contaminados. A isto hai que engadir as balsas de residuos, con frecuencia altamente tóxicos, que supoñen un risco potencial permanente como demostran os moitos accidentes habidos, como no caso de Aznalcóllar.

Non debemos esquecer o impacto socioeconómico da minaría. Aínda que a curto prazo supoña a creación dalgúns postos de traballo (sempre provisionais, posto que a duración das explotacións non adoita pasar duns cantos anos), son moitos os que se destrúen; e ao finalizar a explotación, a situación socioeconómica é normalmente moito peor que antes de ter empezado esta. O elevado número de poboados mineiros abandonados é moi elocuente ao respecto.

Neste momento, unha parte considerable do solo galego é cuadrículas mineiras, ben para explotación, ben para investigación de recursos. Isto significa que estamos a perder a soberanía sobre o noso territorio. Pouco a pouco, as pequenas comunidades locais van perdendo a terra, que pasa a mans de grandes corporacións multinacionais. Considérase de interese público o que en realidade é un interese privado dunha grande compañía, e ese interese pasa por riba dos intereses de comunidades e pequenos propietarios. Pensamos que urxe promover unha mudanza lexislativa para derrogar a lexislación relativa a minaría e expropiación, que, de orixe e orientación franquista, non se adecúan á tecnoloxía mineira actual e amparan iniciativas que abusan da terra en detrimento doutras que se limitan ao seu uso sustentable.

As enormes repercusións ambientais e sociais da minaría deberían levarnos a facer unha reflexión seria acerca do noso estilo de vida actual, do noso ritmo de consumo; pois é iso o que está na orixe da demanda de materias primas, cada vez maior.

Cremos que é función dos distintos axentes sociais promover esa reflexión. O faladoiro que propomos de Verdegaia para o vindeiro venres vai nesa liña de crear espazos para a reflexión. Xunto a outros colectivos galegos, Verdegaia tamén fai parte da organización dunhas xornadas sobre minaría que, con ese mesmo fin, se celebrarán en Compostela en poucas semanas.