“Quen queima unha árbore chopos castelao

e mata un paxaro,

nin sabe o que é o amor

nin é merecedor del”

Anxo Moure

Perante a pasividade dunha concelleira de ambiente que gaña máis diñeiro do que merece en vista do nada que traballa, nos últimos tempos estamos observando con fastío como se fai de Vigo unha cidade que se alonxa a modiño do bo modelo europeo e dos criterios que buscan evitar o colapso ambiental. Vémolo en políticas de mobilidade e tamén forestais: talas que se efectúan sen que haxa probas da existencia de ningún informe técnico que as xustifique, reforestacións sen Plan Xeral de Xestión do Arborado que as guíe e, por riba, un desleixo no coidado das novas árbores plantadas (onde tamén terá, todo hai que dicilo, moita culpa algún irresponsábel cidadán).

 

A todo iso debemos sumar a enfermiza adicción polos esfoles (“podas”, din os necios) de árbores ornamentais que están na orixe do xurdimento de fungos nelas e que deberían ser curadas para evitar o seu apodrecemento. Queremos lembrar que estas podas (e moito máis os esfoles) son inxustificables quer por decisión técnica quer por presión de ignorantes; e se non nos cren, pregunten en países civilizados.

 

Mais imos os tempos actuais. O 12 de novembro do ano 2012 na conta cristiá, reclamados por sensibeis e preocupados veciños, achegámonos até a Avenida de Castelao para contemplar cos nosos ollos a desolación trala tala compulsiva levada a cabo por profesionais de dubidoso nivel técnico e ínfima categoría ética. É certo que o compromiso (de escuras motivacións) dalgunha institución demagóxica da zona de Coia se esfumou unha vez veu por alí cos medios baixo o brazo un do PP (por certo, non houbo o mesmo interese en reunirse con Santi Domínguez do BNG, que cousas!). Porén, algúns continuamos coa nosa presenza supervisora tódolos días laborais, investigando sobor das posibeis orixes psicopatolóxicas do que alí presenciábamos.

 

De comer a parte merecen certos técnicos forestais, fitólogos, paisaxistas e arboricultores non só galegos, senón tamén doutros lugares do Estado español. Tentando buscar xente independente que nos elaborara un estudo que contradicise ou confirmase a versión de Cespa-Concello (non os separamos porque efectivamente semella que hai lazos de unión sospeitosamente profundos) atopámonos cunha trama que nin nos culebróns máis absurdos; estamos nun país de cobardes amedrentados por mafiosos cuxo poder parece ter medrado en tempos de crise.

 

E que dicir dos políticos? Pois, basicamente, que teremos que inventar unha nova palabra para definir á xentalla que os substituiu. U-la política? U-la democracia?

 

Por suposto, había que superarse á hora de demostrar o perigosos que poden chegar a ser os primates e non tardamos en contemplar que esta afección tan detestábel se podía repetir un mes despois en O Castro.

 

Neste 2013, encantaríanos que o comportamento arboricida do concello rematara dunha vez por todas e que Vigo seguira o exemplo doutras cidades, respectando as árbores de gran e medio porte que, amais de mellorar a paisaxe urbana, cumpren outras importantes funcións como proporcionar acubillo á fauna, moderar as temperaturas, amortecer o ruído, mellorar o ar das cidades, etc.