19899_rueda_prensa-81999.jpgAo xuízo de Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, WWF España e CCOO, algunhas das iniciativas do Goberno estatal para diminuír o consumo enerxético, como a redución de velocidade en autovía a 110 km/h, son acertadas, pero carentes da ambición e continuidade necesarias. Por este motivo, as devanditas organizacións lembran ao Goberno as tres proposicións de lei que xa presentaron sobre mobilidade sustentable, fiscalidade ambiental, e aforro e eficiencia enerxética, que permitirían lograr un maior aforro enerxético.

As devanditas organizacións achan que estas medidas adoecen de ambición e da necesaria continuidade -formúlanse nalgún caso como conxunturais- para conseguir unha redución significativa da factura enerxética. A diminución do consumo de enerxía que se necesita para reducir a nosa dependencia enerxética só será posible se se desenvolve un conxunto de medidas ambiciosas que prolonguen os seus efectos a medio e longo prazo e que sexan profundas e trasversais en todas as áreas de decisión política (normativa, fiscal, económica…)

Por iso, estas organizacións lembran ao Goberno tres iniciativas lexislativas que xa propuxeron no seu día e que, de se levar á práctica, suporían unha redución significativa e permanente do consumo enerxético.

A proposta de Lei de Mobilidade Sustentable resulta un instrumento necesario -e un compromiso do Goberno dende a anterior lexislatura- que permitiría impulsar e planificar a mobilidade sustentable nas áreas metropolitanas, municipais, así como no ámbito das empresas e polígonos industriais e grandes centros de actividade. Isto lograríase fixando as medidas máis adecuadas para fomentar o transporte público e colectivo e os medios de transporte de baixo impacto.

A respecto da proposta de Lei de Aforro e Uso Eficiente da Enerxía presentada por estas organizacións, inclúese un conxunto de medidas contundentes para frear o continuo crecemento do consumo de enerxía no  Estado español e crear un marco legal que fomente unha cultura enerxética baseada no aforro, o uso de tecnoloxías máis eficientes e as fontes de enerxía renovables. A proposición estabelece un obxectivo uniforme de aforro no consumo total de enerxía de, polo menos, un 20% en 2020 en comparación co 2005. Para iso, inclúense medidas de xestión da demanda, a eliminación das tecnoloxías obsoletas, auditorías enerxéticas, criterios de eficiencia enerxética na planificación territorial e na construción, así como que os prezos e as tarifas eléctricas internalicen os custos sociais e ambientais. Por último, proponse que as Administracións Públicas conten cun plan de aforro e eficiencia enerxética nas súas propias instalacións.

No referido á Lei sobre Fiscalidade Ambiental, o propósito é sentar as bases para estimular unha mudanza de modelo produtivo onde non caiba o uso malgastador de recursos e enerxía. Para logralo, as organizacións propoñen a introdución de novos impostos ou a modificación dalgúns xa existentes referidos a materias enerxéticas, como a enerxía nuclear e a incineración de residuos, ou os de hidrocarburos, matriculación, imposto de sociedades, IRPF e IVE, así como respecto dos tipos do IBI, o imposto de circulación, ou o de construcións, instalacións e obras. Algunhas destas modificacións afectan tamén ao transporte, a edificación e o urbanismo, e a súa finalidade é o aforro de enerxía.

Documentos:

Proposta de Lei de Mobilidade Sustentable

Proposta de Lei de Aforro e Uso Eficiente da Enerxía

Proposta de Lei sobre Fiscalidade Ambiental