VERDEGAIA ven de sumarse as denuncias presentadas por viciños e colectivos esixindo que se retire o proxecto de canteira para a extracción de anfibolita, no lugar de Buiña, situado entre os Concellos de Pontedeume e Miño. Esta canteira proxecta cubrir unha superficie total de 41460 metros cadrados (7313 de faixa de protección), na que se atopan rochas de cuarzo-anfibolitas formadas esencialmente por cuarzo, plagioclasas e actinolita. Lembramos que a actinolita é unha das formas nas que se pode presentar o asbesto (amianto) e que dentro da UE e do Estado español existe a prohibición de comercializar e usar calquer producto derivado do asbesto, considerado altamente contaminante, pola súa alta perigosidade para o ecosistema e a saúde humana (Orde 7 de Decembro de 2001 e RD396/2006).

 

A pesares de que a empresa promotora do proxecto ,"Comercio, Transportes y Auxiliares, S.L" manteña que os efectos ambientais son mitigabeis e que o efecto económico será moi positivo sobre a comarca, nada máis lonxe da realidade posto que estamos a falar dunha mina "a ceo aberto" ubicada a menos de 50 metros de vivendas e de zonas de importante riqueza tanto ambiental como patrimonial, na que o mineral se vai extraer mediante explosións que liberarán as fibras de amianto ao meio natural.

A concesión mineira, de levarse a cabo, provocaría un deterioro importante na saúde dos viciños e viciñas da comarca. As fibras de asbesto non se disolven en auga e son resistentes ao calor, ao lume e á degradación química ou biolóxica; dentro dos distintos tipos de fibras de asbesto, a exposición á anfibolita é a máis perxudicial para a saúde xa que neste tipo de explotacións son liberadas en altas cantidades no meio en forma de fibras e na respiración alóxanse nos pulmóns nos que permanecen durante toda a vida ou poden pasar tamén a formar parte das augas que logo son destinadas a consumo.

De ser permitida esta explotación mineira, ademáis do impacto sobre a saúde dos viciños e viciñas, deberemos sumar o impacto paisaxístico e patrimonial (O vial de acceso á explotación mineira atópase sobre o trazado" do Camiño Inglés de Santiago e afectaría tamén ao monte Breamo no cumio do cal está a ermida románica de S. Miguel de Breamo do século XII. ), o impacto sobre todo o ecosistema da zona que, lonxe de ser mitigable , será irrecuperable. A empresa fala de criar entre 5-8 postos de traballo e de que iso repercutirá beneficiosamente na economía , pouca riqueza se pode criar se o custe a pagar por 8 postos de traballo é a saúde da xente e a degradación do patrimonio natural e cultural dunha zona.

 

 Desde VERDEGAIA esiximos a retirada inmediata deste proxecto e se denegue a autorización por parte da administración competente e a mudanza neste tipo de políticas de concesións mineiras que mesmo vulneran a lexislación vixente sobre materiais perigosos e prohibidos tanto pola Unión europea como o Estado español.