Penaeus esculentus-2009 por Tamorlan en WikipediaAchégase o Nadal e con el aumentan as vendas de lagostinos tropicais. Mais son poucos os consumidores que saben que estes mariscos provocan o empobrecemento e conflitos en comunidades locais, ademais da destrución de fondos mariños e mangleirais. Tamén ignoran que, xunto a eses lagostinos tropicais, están comendo químicos e antibióticos.

O lagostino cultivado converteuse en termos de valor no principal produto do comercio internacional da pesca. No mar captúrase con técnicas de arrastre que arrasan os fondos mariños. Un método tan pouco sostible como sería cazar formigas con tractores.


A súa produción en piscifactorías tamén afecta gravemente as costas de países tropicais en vías de desenvolvemento como Ecuador, Honduras, Tailandia ou Vietnam. Alí instálanse grandes piscinas, que provocan a deforestación de bosques e a contaminación de ríos estuarios. En moitos lugares están desaparecendo os mangleirais, uns ecosistemas costeiros de alto valor ambiental e social.

E máis alá do ambiente, os lagostinos tropicais non benefician as poboacións dos países onde se cultivan, senón todo o contrario. Moitos pobos víronse obrigados a abandonar os seus territorios ancestrais e acumúlanse as inxustizas ambientias e sociais, incluíndo graves violacións dos dereitos humanos.

Os lagostinos tropicais, que chegan aos supermercados conxelados e ás veces enmascarados con etiqueta “ecolóxica”, están ademais cheos de substancias químicas. Inxéctanselles en moitos casos antibióticos e conservantes para mantelos cunha aparencia fresca despois dunha longa viaxe.

Un vídeo e unha canción preparados por Ecologistas en Acción [Cast] lembran as consecuencias do consumo de lagostinos tropicais. A organización chama a sacar os lagostinos tropicais dos nosos pratos este Nadal e optar, se se quere consumir peixe ou marisco, por produtos procedentes das pesquerías de baixo impacto ambiental do noso litoral.