É con profunda indignación e repudio que a comunidade saharauí en Galicia condena enerxicamente o vergoñento e desprezable acto de agresión perpetrado por un individuo, de nacionalidade marroquí, durante unha manifestación propalestina en Lugo contra unha menor saharauí (o día 21 de abril de 2024).

Durante o incidente, o agresor atacou física e verbalmente a varias mozas saharauís, unha delas menor de idade, arrancándolle violentamente a bandeira saharauí da súa cabeza e tirándolle do pelo (tiña a bandeira posta como un pano encima da cabeza e suxeita cunha goma) e proferindo insultos degradantes e machistas.

Este individuo tivo a desvergoña de transmitir en directo esta agresión, como se se tratase dun acto de valentía, louvado por outros marroquís presentes na manifestación e polos seus seguidores en redes sociais. As súas accións son un claro exemplo da violencia que sofren os saharauís a mans de Marrocos e isto non pode ter cabida nin tolerarse en Galicia.

Preocúpanos a incitación á violencia que se evidencia nas súas palabras, nas que insta a autolesionarse para simular unha agresión e un compañeiro seu di: “coge una botella de cristal, date un golpe en la cabeza y di que te han agredido”.

Queremos deixar claro que este individuo foi debidamente denunciado ante as autoridades competentes, e esiximos que se tomen medidas legais apropiadas para garantir que se faga xustiza e tamén para garantir a seguridade das vítimas.

Lamentablemente, esta non é a primeira vez que a nosa comunidade se ve enfrontada a actos de violencia e discriminación por parte de individuos fieis ao Réxime Marroquí, o cal violenta e tortura as persoas saharauís.

Instamos ás autoridades pertinentes a tomar medidas firmes para protexer a comunidade saharauí en Galicia e garantir o noso dereito a manifestarnos pacificamente sen temor a represalias.

Agradecémoslles a todas as entidades e persoas individuais que nos trasladaron o seu apoio e solidarizámonos coas mozas agredidas e as súas familias, e reafirmamos o noso compromiso coa nosa loita de liberación nacional e o respecto aos dereitos humanos en todo momento e lugar.

Comunidade Saharauí na Galiza

22 de abril de 2024