Verdegaia visitará este venres o lugar das canteiras de Brea (Carballo) para avaliar a situación dos depósitos de escouras, potencialmente contaminantes, de Ferroatlántica. Analizarase coa veciñanza do lugar a situación actual do soterramento de 20.000 toneladas de escouras (entre as que poderían estar residuos catalogados como perigosos pola UE), a vertedura das augas contaminadas á bacía do Anllóns e a repentina paralización da denuncia penal no xulgado.
Existe constatación por parte do SEPRONA, de Augas de Galicia, do Concello de Carballo e da Consellería de Medio Ambiente(CMADS), de graves irregularidades cometidas no lugar de Brea pola empresa Desguaces Lema S.L., a quen a fábrica de carburos metálicos Ferroatlántica (do grupo Villar Mir) encomendou a xestión dos residuos do seu proceso de produción.
Xa no ano 2004 a Consellería de Pesca determinou a existencia de Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos (HAPs) en escouras derivadas do proceso de produción de Ferroatlántica, no Concello de Cee, segundo se pode extraer dos informes elaborados polo Centro de Control do Medio Mariño, da devandita consellería. Estas substancias están consideradas coma perigosas para a saúde humana, polos seus potenciais efectos canceríxenos e mutaxénicos; asemade a Unión Europea cualifica coma perigosos (catálogo LER) os residuos resultantes da produción de Carburos Metálicos que conteñan estes HAPs.
Ante o depósito destas escouras na canteira do lugar de Brea existe unha orde da Xefatura de Sección do Rexistro de Residuos da CMADS, que obrigaba á empresa á retirada das devanditas escouras, debido á carencia de Declaración de Impacto Ambiental positiva e ás conclusións extraídas da acta de Inspección do 16 de xuño de 2006, dos informes de Augas de Galicia, nos que reza literalmente " verquido non autorizado de Augas Residuais ó Dominio Público Hidráulico (DPH)", infrinxindo así, o artigo 116.f do Texto Refundido da Lei de Augas, e o artigo 316.g do Regulamento do DPH.
De seren confirmadas as sospeitas dos habitantes, polas que o depósito destas escouras foi soterrado en lugar de retirado, estaríase incumprindo a lexislación ambiental vixente e seguirían producíndose augas de escorrenta contaminadas.
Así, Verdegaia apela ás Autoridades competentes para dar unha solución inequívoca sobre a condición das escouras depositadas e o seu destino final, de tal maneira que se garanta a protección da cidadanía, da natureza e do territorio, fronte a abusos destas características que sistematicamente se producen no noso país.
O encontro será mañá venres día 13 de marzo, por volta das 17.00, no lugar da Brea (Carballo) e estará aberta á presenza dos medios de comunicación.