A RALLT (Rede por unha América Latina Libre de Transxénicos) e Acción Ecológica de Ecuador, co apoio da ONGD holandesa Hivos, ven de publicar o libro de Elizabeth Bravo “Biocombustibles, Cultivos Energéticos y Soberanía Alimentaria en América Latina. Encendiendo el Debate sobre los Biocombustibles”.
No mundo hai uns 800 millóns de automóveis que consomen máis da metade da enerxía que se xera, sendo o primeiro causante de efeito invernadoiro e cambio climático. A cantidade de automóveis e o seu uso, lonxe de diminuír, aumenta, e, no lugar de mudar os hábitos que están na orixe do cambio climático, procúrase evitar este por medio de solucións tecnolóxicas. Este é o ponto de partida do libro de Elizabeth Bravo, que, de seguido, pasa a narrar as consecuencias globais e para os países periféricos do empecinamento “occidental” en manter un modo de vida insustentábel con correccións tecnolóxicas pretendidamente sustentábeis.
Se os países centrais queren manter, xa non digamos aumentar, o seu actual nível de consumo enerxético substituíndo os combustíbeis derivados do petróleo por biocombustíbeis (biodiesel ou etanol) necesitarán importar estes, e farano de América Latina, África e Asia. Terras actualmente dedicadas á producción de alimentos e outras non roturadas serán destinadas aos “cultivos enerxéticos”. Petroleiras e Agroindustria aparecen como principais beneficiarias dun negocio no que transxénicos, monocultivos, avanzo da fronteira agrícola e fame son apresentados como ecoloxicamente sustentábeis.
Segundo Elizabeth Bravo, os biocombustibeis son unha alternativa a pequena escala, mais non se pode pretender que substitúan aos derivados do petróleo sen mudar o actual modelo dominante de consumo enerxético.