Denunciamos o secuestro do espazo público que supón o fallo da Xunta Electoral Central prohibindo os actos do denominado movemento 15-M. Esta conculcación sen ningún tipo de pudor dun dereito fundamental como é o de expresión e reunión non fai máis que confirmar a necesidade dunha mudanza radical no sistema político e socioeconómico, recuperando o concepto do público, do colectivo e do participativo para a súa lexítima propietaria, a cidadanía.

Verdegaia defendeu dende a súa constitución a creación dunha cidadanía forte, autoorganizada, responsábel, empática e solidaria como camiño imprescindíbel para construír un país ecoloxicamente sustentábel, socialmente xusto e radicalmente democrático.Aínda que o noso referente territorial é outro que o do Estado español, a nosa vocación é a de buscar o diálogo e alianzas con outras organizacións e movementos sociais de calquera ámbito xeográfico. Ademais, a sociedade e o territorio galegos tamén son vítimas dos problemas que presenta o funcionamento dos poderes políticos estatais, do bipartidismo imperante ou da posta do estado ao servizo dos intereses económicos do sector financeiro e empresarial.

É por isto que Verdegaia quere manifestar publicamente o seu apoio ao movemento 15-M e sumarse ao chamado a exercer a desobediencia civil pacífica como máxima expresión de responsabilidade cívica fronte aos atropelos dunhas estruturas administrativas e gubernamentais completamente desligadas da sociedade.