A estación de vixilancia da calidade do aire de Pontevedra, xestionada pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, rexistrou onte mércores 28 de xullo altos níveis de contaminación por ozono troposférico. De acordo coa información dispoñible na web sobre calidade do aire da Xunta, entre as 16 e as 21h a media horaria da concentración de ozono do aire superou o limiar de información á poboación. É o segundo día consecutivo en que isto acontece, pois na tarde do martes 27 tamén se superou o limiar de información á poboación. Hoxe mesmo podería acontecer de novo.
De acordo co Real Decreto 1076/2003, relativo ao ozono no aire ambiente, cando se supere ou se prevea que se vaia superar este limiar, deberase subministrar á poboación "a unha escala suficientemente grande e canto antes" información sobre a superación ou superacións observadas e sobre a previsión para a seguinte tarde/día.
Para a estación de vixilancia da calidade do aire de Ourense, onde é posible que tamén se teña superado nestes días de intensa calor o limiar de información á poboación de contaminación por ozono, a web sobre calidade do aire non difunde información para este contaminante desde o 19 de xullo pasado.
Un contaminante formado a partir doutros primarios
O ozono da troposfera, a capa da atmosfera en contacto coa superficie (non confundir co da estratosfera, que nos protexe das radiacións ultravioletas), é un contaminante secundario inodoro que se forma nos meses máis calorosos do ano mediante unha complexa serie de reaccións fotoquímicas nas que participan a radiación solar, o dióxido de nitróxeno (NO2) e compostos orgánicos volátiles. Pode transportarse a longas distancias cos movementos das masas de aire. A elevadas concentracións causa irritación nos ollos, superficies mucosas e pulmóns. A resposta á exposición ao ozono pode variar moito entre individuos por razóns xenéticas, idade (afecta máis aos nenos e as persoas maiores) e pola presenza de enfermidades respiratorias como alerxias e asma. Cando se supera o limiar de informacion á poboacion desconséllase totalmente o exercicio intenso ao aire libre, especialmente no caso das persoas máis vulnerables.
Documentación:
Valores da media horaria da concentración de ozono troposférico (en microgramos/metro cúbico) medidos nos últimos días na estación de vixilancia da calidade do aire de Pontevedra, próximos ou superiores ao limiar de información á poboación (180 microgramos/metro cúbico)
Hora |
Martes 27 |
Mércores 28 |
15 |
|
188,48 |
16 |
196,92 |
204,2 |
17 |
205,49 |
212,59 |
18 |
177,32 |
213,17 |
19 |
|
207,69 |
20 |
|
199,6 |
21 |
173,54 |
204,96 |
22 |
|
179,12 |